As dereitas e as guerras de relixión

Manoel Barbeitos
Economista

Musulmanes
Musulmanes

Ás dereitas españolas parecera como se lles gustase xogar con lume e non lles preocupasen as consecuencias políticas e sociais que agocha o emprender unha viraxe política cara a extrema dereita. Algo que, unha vez máis, puidemos comprobar nas últimas semanas cando, xa sexa por ideoloxía (Vox) ou por oportunismo (PP), mostraron publicamente en Jumilla (Murcia) a súa ideoloxía racista e discriminatoria. Unha exposición que pola forma e o fondo non parece casual nin moito menos conxuntural ou illada e que ten moita máis importancia da que as dereitas e os seus altofalantes lle queren dar.

 

Lembremos os feitos. Na primeira semana de agosto un pleno do concello de Jumilla (Murcia) aprobaba unha ordenanza que prohibía utilizar instalacións públicas deportivas locais para actividades máis aló das deportivas ou propostas polo Concello. En principio non parecera que o acordo municipal tivera nada de excluínte senón fora que previamente a comunidade musulmá de Jumilla solicitara permiso para celebrar no centro deportivo o Eid Al Fitr (fin do Ramadan) e o Lid al Adha (o tradicional ritual islámico de sacrificio de animais). Neste marco o acordo, como así o recoñecerían os membros do consistorio (PP, Vox), ía dirixido expresamente contra a comunidade musulmá o que era un acto claro de discriminación relixiosa e racismo (“obxectivo cumprido....grazas a Vox aprobouse a primeira ordenanza que prohibe as cerimonias islámicas en lugares públicos en España... que foi e seguirá sendo terra do pobo cristián” escribirían en Vox Murcia, cualificando a decisión do concello como “un éxito político”).

 

Unha comunidade musulmá que, por outra parte, ademais de ter unha certa presencia no concello de Jumilla (sobre o 7,5% dunha poboación que conta con 27.673 habitantes), dende o seu asentamento nese concello dera mostras sobradas de ríspeto e convivencia pacífica cos nativos do lugar. Algo que non resulta estraño na Comunidade Autónoma de Murcia que pasa por seren a que conta con maior proporción de poboación musulmá (9,3%) en España. Velaí a importancia da decisión tomada polo consistorio de Jumilla que, nalgunha forma, veu a crear un precedente de división local por mor de criterios racistas e relixiosos.

 

Unha división conscientemente provocada como así o puxeron en evidencia as declaracións posteriores dos máximos representantes en España destas dereitas (Vox e PP). Pola súa parte Santiago Abascal (Vox) logo de que a Conferencia Episcopal Española (CEE) defendese a comunidade musulmá de Jumilla cargaría duramente contra a CEE afirmando que estaba “sorprendido e triste” pois na súa opinión “unha parte dos bispos non se opoñen á política migratoria ou ao islamismo extremista que avanza”. Pola súa parte Alberto Núñez Feijóo (PP) sairía en defensa da moción municipal asegurando que “en Jumilla non se vetou ningunha relixión senón que o goberno municipal exerceu a súa competencia para decidir que nas instalacións deportivas se exerce exclusivamente o deporte”. Os actos electorais e as enchentes dos partidos políticos tamén deben ser un deporte!

 

O sucedido en Jumilla podería considerarse unha anécdota (moi criticable) senón fose porque “chove sobre mollado”. Dende que a extrema dereita colleu forza de novo en España, os sucesos de racismo e discriminación multiplicáronse e así o confirma o Observatorio Español do Racismo e a Xenofobia (OBERAXE) que sinala como o racismo e a discriminación son as principais motivacións dos delitos de odio en España. Que entre xaneiro e decembro do 2023 se rexistraron 2.672 contidos de odio nas redes sociais e 1.532 atacaban a persoas afrodescendentes e do norte de Africa. Pola súa parte o Consello para a Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica (CEDRE) completa esta información sinalando que o 33% dos casos son por motivos relixiosos.

Logo destes feitos e evidencias cabería preguntarse que podería suceder se estas dereitas (Vox/PP) que defenden, ou no mellor dos casos avalan, os casos de racismo e discriminación relixiosa chegan a gobernar en España? Volveríamos ás guerras de relixión de tan terribles recordos en España e en Europa? 
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE