O apagamento eléctrico do pasado martes, 29 de abril, deixounos algúns detalles moi dignos de destacar como por caso o distinto comportamento dos partidos políticos das dereitas (PP, Vox) e os seus medios subvencionados (en Galicia temos o caso paradigmático de La Voz de Galicia) que coase anunciaron a fin do mundo, en relación á maioría cidadán que deu mostras dunha serenidade, unha solidariedade e un espírito cívico encomiables.
Asi, os primeiros e seguindo a senda que teñen trazada desde que se constituíu un goberno de progreso en España (PSOE/Sumar) utilizarían o apagamento para seguir no seu ataque a este culpándoo do mesmo cando aínda non están suficientemente claras as causas e os posibles responsables. Un recorrente comportamento (pandemia da COVID.19, borrasca Filomena, erupción volcánica na Palma, guerra en Ucraína, xenocidio en Gaza, DANA en Valencia, apagamento eléctrico) mesquiño e irresponsable, que xustifica que falemos das miserias da política e a información.
En relación ao apagamento, Jorge Fabra (expresidente da Rede Eléctrica Española) apuntaba ao que en terms económicos se coñece como un cisne negro, un feito excepcional, improbable e de grande impacto. Para este experto o sistema eléctrico español é dunha enorme complexidade polo que non se debería especular sobre as causas deste desbalance entre a demanda e a produción de enerxía no que parece ser inflúe a particular situación das renovables e as nucleares. Un apunte que ten certas coincidencias coa opinión de Antonio Curiel, divulgador e investigador do CSIC, que apunta a que o sistema eléctrico español tal como está planificado é inestable por ter permitido unha incorporación de enerxía renovable sen os necesarios sistemas de estabilización que fai que á produción lle custe responder aos cambios da demanda, que foi o que sucedeu co apagamento. Unha incapacidade que este experto sitúa no eido das grandes compañías eléctricas que, por razóns de aforro e avaricia, ben non contan cos sistema de estabilización necesarios -como por caso as renovables- ben son moi lentas e reaccionan tarde -as nucleares-.
Neste contexto, marcado pola incerteza sobre as causas e polo temor as consecuencias presentes e futuras, renxe enormemente o comportamento dos lideres da oposición. De un Núñez Feijoo (PP) que, incapaz unha vez máis de presentarse como un estadista, busca sacar proveito dun acontecemento excepcional para atacar ao goberno de quenda (Sumar/PSOE) e lanzar consignas contra o actual modelo eléctrico parecendo esquecer o papel clave que tivo o seu partido (por caso coas privatizacións e liberalizacións levadas a cabo polos gobernos de J.M.Aznar, o maior privatizador da democracia) na configuración do actual sistema así como os postos moi ben remunerados que nos consellos de administración das grandes compañías eléctricas ocupan moitos dos seus exlideres e exdirixentes (tamén do PSOE). Igualmente de un Alfonso Rueda que cando os problemas aparecen non dúbida en desviar responsabilidades ao goberno central para logo, sen que lle doan prendas, culpalo das súas carencias políticas e de xestión.
Aínda que lle vén herdado o goberno español de quenda, que preside Pedro Sánchez (PSOE+Sumar), ten tamén a súa responsabilidade. Independentemente do que nos digan as investigacións en curso hai unha evidencia indiscutible: o sistema eléctrico español, dominado por unha oligarquía empresarial, está falto de regulación e dunha maior presencia do público. Unha situación sistémica que favorece os seus continuos abusos, por caso nos prezos, e que poidan producirse situacións como as deste apagamento. Unha oligarquía cuxo poder de influencia sobre a política e a información é abafadora como estamos vendo agora unha vez máis.
Escribe o teu comentario