Os dous exemplos que ilustran este artigo deben de servir para acertar á hora de situar a Pontevedra no mapa. Fará 25 anos que co goberno municipal de Juan Luís Pedrosa, serían con este os últimos concertos internacionais,que deron unha idea entre outras cousas do que debe ser unha capital de provincia con influencia na súa contorna. Joe Cocker ou Depeche Mode “foron entre outros” os últimos eventos desa dimensión que tiveron lugar na capital das Rías Baixas.
Unha política un pouco mal entendida por parte dos sucesivos gobernos do BNG fixeron que moitos pontevedreses se visen excluídos dunhas festas que, como é lóxico e normal, só pensaron maiormente nos barrios e as parroquias, pero a cidade tamén a forman todos e cada un dos seus estamentos sociais, “sen excepción”, si queremos realmente darlle unha dimensión de capital provincial.
Os eventos deportivos, como que xogase a selección española feminina de fútbol en Pasaron, o Mundial de tríatlon ou os premios Feroz, “entre outros acontecementos da mesma dimensión,” foron unha aposta importante por parte do Concello de Pontevedra, con todo os beneficios económicos que iso supón para a urbe, pero seguía faltando un atractivo que a cidade tivo fai 25 anos, que serían os concertos internacionais.
Posiblemente Jennifer López non teña nada que ver co tríatlon, pero diso trátase, e de aglutinar a todas as Pontevedras, “que as hai”, para que todo o mundo senta identificado coa súa cidade e as súas festas, sen excluír a ninguén. A Bienal Internacional de Arte reforzará no ámbito cultural todo o anteriormente citado, dándolle a dimensión que realmente ten esta cidade como capital de provincia, e un ascenso máis que esperado do Pontevedra CF cara a unha categoría na que este club, por afección e estadio, debería estar desde hai xa moito tempo.
Debe apostar por un modelo de turismo que combine os eventos deportivos, culturais e de compras, o cinguir só a un deles é un grave erro, os peregrinos do Camiño Portugués sempre fan falta, do mesmo xeito que os hóspedes do Parador e un hotel de cinco estrelas que peche en certo xeito o ciclo e o atractivo por vir e pasar a noite. Aloxarase Jennifer López en Pontevedra? Aí déixoo.
Escribe o teu comentario