Fraude fiscal, poder económico, político e xudicial

Manoel Barbeitos
Economista

Alvaro Garcia Ortiz1b 1024x616
Alvaro Garcia Ortiz


 

A moitos cidadáns de boa fe poida que lles sorprenda o que está a pasar coa Fiscalía Xeral do Estado. Que lle sorprenda a moitos e a non poucos lles indigne que a xustiza poida chegar a premiar a un defraudador confeso ao tempo que busca castigar a quen o persegue. Seguramente lle suceda o mesmo, ou sexa maior a indignación, si lle dicimos que en non poucos casos pode chegar a pasar que, como agora sucede, eses defraudadores fiscais se vexan protexidos polos poderes públicos e xudiciais e os seus medios afíns.

 

Pero se a estes cidadáns de boa fe lles explican unha serie de realidades que veñen sucedendo dende hai décadas seguramente entenderán mellor o que está pasando coa Fiscalía Xeral do Estado. Por caso, que en España hai unha moi elevada fraude fiscal: segundo GESTHA superan os 90.000 millóns de euros as perdas anuais para as arcas públicas por mor da fraude fiscal, 31.800 millóns por riba da media na UE. Unha fraude fiscal que na súa grande parte procede das rendas máis altas que maioritariamente teñen a sede social en Madrid. Unha comunidade que os sucesivos gobernos rexionais do PP levan anos intentando converter nunha sorte de paraíso fiscal (lembrar o megaproxecto de Eurovegas que tentaba converter Alcorcón nun novo As Vegas) ao tempo que non paran de practicar dumping fiscal baixándolle os impostos ás rendas máis altas: durante os mandatos de Isabel Díaz Ayuso van aprobadas 31 baixadas de impostos que supoñen 31.300 millóns menos de recadación nos últimos seis anos (2019-2025).
 

Que en España funcionan con fluidez as portas xiratorias. Entre os anos 1984 e 2014 corenta altos cargos (entre eles 17 exminisros) do PP e do PSOE colocáronse como directivos nas grandes empresas públicas privatizadas (Telefónica, Endesa, Repsol, Gas Natural, Argentaria, Tabacalera...). Unha movida que tamén inclúe a maxistrados como tivemos proba recente cando un Presidente do Tribunal Constitucional pasou a ser Conselleiro do IBEX35. Unhas actuacións que facilitan a fraude fiscal e a corrupción a grande escala.

 

Neste marco o caso do señor González Amador é só unha moi pequena punta dun enorme iceberg que forman a fraude fiscal e a corrupción alimentadas polo actual goberno da Comunidade de Madrid, que ten como presidenta a señora Isabel Díaz Ayuso (parella do defraudador confeso), quen conta co apoio tanto da oligarquía que forman grandes bancos e empresas, ubicados en Madrid como sinalei antes, como de medios de comunicación subvencionados. Que ademais, tal como estamos comprobando neste caso, tamén conta coa cobertura legal (?) de maxistrados moi ben situados dentro do poder xudicial español.

 

Unha moi pequena punta que espida pode deixar ao descuberto outras partes maiores desa gran masa corrupta que está oculta. Velaí as razóns desta ofensiva ultra contra a Fiscalía Xeral do Estado, evitar que tal cousa poida suceder, que o caso do señor Gonzalez Amador destape outros casos de fraude e corrupción máis relevantes pero que impliquen a Presidencia da Comunidade de Madrid e a oligarcas madrileños como sucedeu en datas recentes (trama Gurtel, casos Púnica, Lezo -Canal Isabel II-, Neverland, Aval Madrid e IBI, tarxetas black).
 

Unha ofensiva ultra de poderes económicos, políticos e xudiciais que responde a unha cultura permisiva coa fraude fiscal que non incentiva a cidadanía a pagar impostos e que supón unha falta de moralidade.


 


 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE