A democracia española e a ditadura franquista

Manoel Barbeitos
Economista

Francocarmenpolo 1
Franco e Carmen Polo

 

Neste ano 2025 cúmprense cincuenta da morte dun dos ditadores máis sanguinarios e crueis do século XX: Francisco Franco. Tal evento tivo lugar o 20 de novembro de 1975 cando non poucos pensamos inxenuamente que “a longa noite de pedra” chegaba finalmente ao seu ocaso e que España ía camiño de homologarse ás democracias europeas occidentais. Pero pasados cincuenta anos parece que aínda hai nostálxicos da ditadura franquista a quen a celebración da democracia e a liberdade lles molesta. Unhas reaccións que poñen en evidencia como a día de hoxe a democracia española agocha grandes déficits.


 

Déficits que se fan evidentes tanto en importantes aparatos do estado -a propia xefatura do estado non deixa de ser un residuo franquista- como no poder xudicial, en medios de comunicación e opinión -a maioría fortemente subvencionados- e nos partidos políticos de dereitas -PP/Vox coa súa cohorte de pseudointelectuais- quen de ningunha maneira se poden equiparar con partidos europeos de longa tradición democrática. Unha situación á que contribúen decisivamente sectores do gran capital español (banqueiros, construtores, empresarios oligopolistas) que, ademais de financiar os medios franquistas, manteñen unha actitude empresarial moi similar á que tiveron durante a ditadura. Algo que podemos ver na súa resistencia tanto a pagar os impostos que lle corresponden -mediante a fraude e/a elisión fiscal- como perder uns privilexios que seguen considerando dereitos naturais aínda que sexan antidemocráticos e favorezan a corrupción. Resistencia que se amplía a que os traballadores teñan dereitos laborais como os que xa están vixentes en moitos países europeos.


 

Que o goberno dun país queira celebrar a democracia ao tempo que refugar calquera réxime totalitario e fascista, como foi o franquismo, debera ser algo a aplaudir e apoiar por todos os seus cidadáns independentemente da color política de cada quen (dereitas, esquerdas, nacionalistas....). Moito máis se se trata dun país que sufriu durante décadas unha terrible ditadura e cando, como agora, hai un moi perigoso renacer dos totalitarismos en toda a súa contorna.


 

Pero este non é o caso de España basicamente polas razóns apuntadas anteriormente. Así, a sempre locuaz Presidenta da Comunidade de Madrid, a señora Isabel Ayuso, en relación aos actos programados polo goberno español de quenda (PSOE/Sumar) para celebrar os cincuenta anos de democracia declaraba que “a Comunidade de Madrid, garante da transición, a liberdade e a Constitución, non se sumará a ningún destes eventos e iniciativas. Madrid coa democracia e contra o guerracivilismo”. É moi posible que a señora Ayuso na súa obsesión por atacar ao goberno español non se dera conta de que con manifestacións deste tipo non está atacando ao PSOE senón que está defendendo ao franquismo ao tempo que trata de ocultar que España sufriu corenta anos dunha feroz ditadura. Con moita frecuencia o subconsciente retrata aos políticos máis locuaces. Pola súa parte o señor Núñez Feijoo, novamente seguindo a Presidenta da Comunidade de Madrid, ademais de definir a guerra civil provocada por militares sediciosos e fascistas como “unha pelexa entre os nosos avós e bisavós”, no colmo da frivolidade e o mal gusto afirmaría que o franquismo era un tema que “lle dá preguiza”. Unhas declaracións que, ademais de denotar unha ignorancia absoluta da Historia recente de España e unha das súas etapas máis escuras e de mostrar que só parece preocuparse por lanzar consignas políticas que ataquen ao goberno son tamén un intento de ocultar o que foi o franquismo. En ambos os dous casos hai unha defensa indirecta dunha cruel ditadura o que resulta dunha enorme gravidade.


 

Cando vemos os avances das extremas dereitas e das políticas reaccionarias así como as ameazas á democracia feitas por parte de xente que ten acumuladas enormes riquezas, non podemos por menos que preocuparnos polo futuro da democracia e a liberdade. Unha preocupación que se acrecenta cando na nosa contorna, tal e como estamos comprobando, hai sectores políticos, mediáticos e xudiciais que intentan ocultar o franquismo cando non o defenden directamente. Unha defensa que, non poucas veces, se acompaña de acosos e agresións físicas á defensores da liberdade e a democracia como lle vén de ocorrer recentemente a Ana Pardo de Vera, directora corporativa e de relacións institucionais do diario Público.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE