O ano que nos vén de deixar (2024), o terceiro máis cálido da serie histórica en España segundo AEMET, puxo en evidencia con maior claridade que nunca que o cambio climático non só é xa unha realidade senón que vai adquirindo cada vez maior virulencia e intensidade con accidentes máis frecuentes como demostrou recentemente a DINA en Valencia. Un fenómeno tamén chamado “pinga fría” que ameaza con repetir e probablemente con maiores impactos pero que, xunto a outros fenómenos parecidos que tiveron lugar nese ano 2004, son un aviso da urxencia en tomar moi en serio este problema se non queremos desaparecer como especie. Porque, si, corremos ese risco!
Conforme con esta visión, nos últimos días de decembro o Secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, facía un chamamento dramático á comunidade internacional pedindo a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro que neste ano recentemente finalizado tiveron un incremento extraordinario con 31 marcas de días cálidos e 0 de días fríos.
Fronte a este reto da humanidade que ten un das súas orixes no crecente e intenso consumo de enerxía que procede de fontes fósiles non renovables (carbón, petróleo, gas natural, fracking), tal que supón ao redor do 70% do consumo global, resulta necesario subliñar que a solución non é a simple substitución destas fontes non renovables e fortemente contaminadoras por outras renovables, tamén chamadas eufemísticamente enerxías limpas, (eólica, hidráulica, solar, xeotérmica).
A solución á actual crise climática non pasa pola construción sen límites de infraestruturas para a produción da chamada “enerxía verde” (GREEN NEW DEAL), o que nos liberaría da preocupación pola crise ecolóxica. Non é unha solución por dúas razóns fundamentais, a primeira porque, dado o actual ritmo de crecemento da demanda mundial de enerxía, non é posible a substitución das enerxías de orixe fósil polas chamadas verdes a unha velocidade tal que free o crecemento do quecemento global e menos nos límites que está fixado (por baixo de 1,5/2 graos). A segunda, porque as infraestruturas necesarias para producir as enerxías limpas non son elas mesmas limpas. A construción desas infraestruturas require tal extracción de metais e das chamadas terras raras que por si mesmas supoñen, xa o están facendo, un enorme desastre ecolóxico como podemos ver en moitos estados de Latinoamérica, África e Asia.
En relación á primeira das razóns subliñar que nas últimas décadas o consumo de enerxía creceu a un 1,5% de media anual alcanzando no ano 2023 unha marca absoluta cun aumento do 2% respecto ao ano anterior. As evidencias empíricas demostran que a pesar de vivir un ano de extraordinario crecemento das enerxías renovables o consumo de combustibles fósiles e as emisións alcanzaron novos máximos. Toda nova enerxía renovable introducida no mercado (un 20% de incremento medio anual no 2022) só satisfixo unha pequena parte da nova demanda (si no ano 2010 o 20% do consumo bruto final de enerxía a nivel mundial correspondeu a fontes de enerxía renovable, no 2022 supuxo un 28%, a este ritmo no 2030 só cubrirán o 49%).
Por outra banda hai que deixar moi claras as implicacións da chamada transición verde e o que implica, por caso, a nivel de extraccións. Non se discute a necesidade de facer cuantiosos investimentos na construción de infraestruturas para a produción de enerxías limpas ou verdes. Tampouco é discutible que nas últimas décadas incrementouse extraordinariamente a produción de enerxía renovable. Pero o que si son discutibles son os custos sociais e ecolóxicos desta transición ás enerxías renovables polo seu requirimento de metais e terras raras: cobre, aceiro, zinc, aluminio, ferro, neodimio, prata, indio, litio, etc. Todos os informes científicos avisan de que a substitución de enerxías de orixe fósil por enerxías limpas vai esixir un incremento brutal da actividade mineira o que virá agravar “a crise xa existente provocada pola sobreextración. A minería xa se converteu nunha das principais causantes da deforestación, da destrución dos ecosistemas e a perda de diversidade no mundo” (JASON HICKEL: “Menos -=+é máis. Como o decrecimiento salvará o mundo”). A dinámica extractiva -que se centra no Sur global- de seguir o ritmo de crecemento actual con toda probabilidade provocará no medio prazo tanta destrución ecolóxica e medioambiental como o están facendo os combustibles fósiles. Estas evidencias deberíannos ensinar que a transición ás enerxías limpas de ningún xeito vai frear por si soa os desastres ecolóxicos senón a substituír uns por outros. “De pouco nos serve fuxir do lume da catástrofe climática si caemos nas brasas do colapso ecolóxico” (J.H.).
En definitiva, o que aquí se defende é que o chamado crecemento verde por si só non virá solucionar os problemas ecolóxicos que ten actualmente o planeta se, paralelamente, non reducimos o actual ritmo de crecemento no consumo de enerxía. Unha redución que é posible si abandonamos o actual modelo de crecemento e substituímolo por outro máis sostible. Algo que, digan o que digan os profetas do catastrofismo, si é posible.
Escribe o teu comentario