En Occidente o ano 2025 vai empezar con algunhas interrogantes e con varias certezas. Entre as primeiras destaca o triunfo de Donald Trump nas eleccións presidenciais dos Estados Unidos que completou en occidente un escenario político onde as dúbidas sobre o futuro se multiplican. Interrogantes derivadas do preocupante auxe das extremas dereitas, a crise política en Francia e Alemania e a contundente derrota do Partido Demócrata nos USA. Incertezas que atinxen á liberdade, á democracia, ó benestar social, ó medio ambiente e á paz.
Nos Estados Unidos os nomeamentos feitos ata o de agora por Donald Trump deixan en evidencia algo que era previsible: que os lobbies corporativos que financiaron con millóns de dólares a súa campaña como as grandes tecnolóxicas da información e a intelixencia artificial (GAFAM), a industria militar (Lockheed), o sector financeiro (Wall Street), as grandes petroleiras (Shell, Exxon..), as ligadas ao lobby xudeu e as igrexas evanxelistas van estar nos postos de maior responsabilidade o que implica que terán unha enorme influencia na toma de decisións. A nivel internacional, e dado que estamos falando dun imperio cun enorme poder, caben esperar moi malos augurios para a loita contra o cambio climático e a crise ambiental, un auxe aínda maior do financiamento e a especulación a nivel económico, que se incremente o gasto público militar, que se acentúe o proteccionismo a nivel comercial e que se dispare aínda máis a inmigración irregular.
Pero convén introducir algúns matices importantes como que a loita comercial que se anuncia con China como principal adversario terá as súas limitacións, na práctica non será tan agresiva como a nivel retórico, dados os cuantiosos investimentos feitos no mercado chino por moitas multinacionais estadounidenses que non estarán dispostas a abandonar por moito que as prema Trump, aparte de que China acadou a nivel mundial un poderío comercial tal que non parece doado descabalgala entre outras razóns por que son moitos os países que dependen do mesmo.
A nivel militar seguramente que, nun contexto parecido ao dunha nova guerra fría, se producirán algúns paradoxos como que o tempo que se incremente a inseguridade e o risco de novos conflitos en Oriente Medio, co xenocidio palestino no centro, e medre a política intervencionista en Latinoamérica e Africa poida que avancen as negociacións para parar a guerra en Ucraína.
Neste marco xeral Europa, moi especialmente a Unión Europea, será unha das grandes damnificadas. A falta de liderado, a crise política en Francia e Alemania, o auxe da extrema dereita, a súa debilidade tecnolóxica e inferioridade militar provocarán que a Unión Europea siga perdendo posicións no taboleiro internacional acentuando a sua dependencia da OTAN e dos Estados Unidos. A nivel interno a aposta por manter os dogmas (“regras fiscais”) acentuará as desigualdades que alimentarán aínda máis os movementos centrífugos e disgregadores. Algo ao que a Administración Trump colaborará sen dúbidas pois na súa loita con China, pola hexemonía a nivel mundial, precisa dunha Europa submisa. Unha Europa a quen o que pase coa guerra en Ucraína lle marcará o presente e o futuro inmediato: se Estados Unidos a abandona a ela soa non está en condicións de enfrontarse a Rusia polo que terá que mudar a súa actual estratexia.
En terceiro lugar, España. Quen nos diría que nesta Unión Europea en crise global España ía ocupar un lugar de certo protagonismo económico. Non cabe dúbida que a aposta polas políticas expansivas (cos seus límites) e de consenso social están producindo efectos moi positivos sobre o crecemento económico e a creación de emprego todo elo a pesares dun contexto exterior nada favorable. A pesares tamén da impresentable e irresponsable oposición das dereitas políticas, xudiciais e mediáticas que seguirán teimando por derrubar o goberno de quenda (PSOE/Sumar) sen preocuparlles as consecuencias políticas e sociais.
Neste contexto difícil e de estreitas marxes, o goberno español debería poñer as luces longas e pensar en tomar medidas que vaian máis aló do inmediato e que lle mostren aos cidadáns dos pobos de España un futuro máis esperanzador e ilusionante.
Finalmente Galicia. Todo indica que poucas cousas van cambiar nesta comunidade. Seguirá minguando o seu peso relativo (demográfico, comercial, financeiro....), os mozos máis preparados continuarán emigrando ao tempo que medra a inmigración, as frontes ambientais se ampliarán co seu impacto nos sectores agrario e pesqueiro, a industria seguirá esmorecendo (“Galicia: un país desnortado e minguante”, Albino Prada) e o escenario político manterá a súa “calma popular” que se ve favorecida polo “dolce far niente” da Xunta de Galicia e a incapacidade das esquerdas para elaborar unha auténtica alternativa que mobilice a sociedade galega.
Escribe o teu comentario