“Non hai nada tan estable como o cambio”.
Bob Dylan cantante, compositor e poeta. 1941. Minnesota.
Terceira entrega de artigos dedicados a comparar o que sucede en Galicia en diferentes ámbitos da vida das persoas que nos permiten unha calidade de vida aceptable...ou non. Responderemos a por que no eslamiado país temos peores servizos que noutros lugares do Estado español e que pola irresponsabilidade dos nosos gobernantes non cumprimos coas expectativas que debería ter unha persoa pertencente á Unión Europea (o que equivale a dicir “do primeiro mundo”, pero que en múltiples aspectos somos do terceiro mundo).
Porque o orzamento para vivenda da Xunta son 72 millóns menos que no 2009 (se se ten en conta a inflación). Son 221 millóns de euros e, agora, anuncian que se creará a Sociedade de Vivenda Pública (en bo tempo…). Que vai pasar coas 18.000 persoas que están no rexistro de demandantes de vivenda en Galicia?
Segundo o Instituto Nacional de Estatística, os galegos temos a segunda peor calidade de Vvda do estado. Valórao o Indicador Multidimensional da Calidade de Vida (2023); din que Galicia ten 99,67 puntos, só por diante de Canarias que ten 98,96, estando a media do Estado en 101,54; o primeiro lugar é para Navarra con 105,29. Estamos por baixo en aspectos como: traballo, saúde, lecer e relacións sociais, así como en gobernanza e en dereitos básicos. A explicación: preguntaremos ao PP!
A desigualdade e a pobreza dunha zona, segundo o informe da Fundación Areces “Distribución xeográfica da renda dos fogares en España: prosperidade, desigualdade e pobreza”, dinos que os habitantes do País Vasco teñen o dobre de oportunidades de renda que os de Estremadura e un 30% máis cos galegos (somos o sétimo territorio con menos oportunidades de renda).
A Fundación das Caixas de Aforro (nada sospeitosa de “izquierdosa”), non di que o PIB no Estado para este ano 2024 será do 3%, medio punto máis que en Galicia (2,4%). A causa?… En canto o PIB per cápita, que é o mellor indicador da calidade de vida, en Galicia en 2022, foi de 25.906 € fronte aos 30.970 € do PIB per cápita de media no estado…
Se unha sociedade inviste en I+D+i, repercute positivamente na súa economía. Pois ben, o Instituto Galego de Estatística di que o gasto galego baixou a 1,06% do PIB en 2022 (unha décima menos que no 2021 e 0.4 menos que no 2020). A media do Estado está en 1,44%. Na Unión Europea, está no 2,26%. Temos algunha explicación razoable máis que o deixamento de quen nos goberna?
Por que temos os impostos ás rendas máis altas máis baixos do estado español? A vontade política do goberno de quenda obriga a pagar máis ou menos polos servizos que recibimos. En Galicia as rendas máis baixas soportan unha presión fiscal moi superior ás da media estatal. A política fiscal define a quen goberna, e é incomprensible que os que máis teñen paguen menos que os que menos teñen. Isto ocorre en Galicia grazas aos beneficios que os gobernos do PP danlle aos máis ricos. O IVE e o IRPF son os dous impostos principais do Sistema Fiscal. Evidentemente se se actúa sobre eles, a recadación vese modificada, co cal os servizos públicos que se prestan serán inferiores a lugares onde a recadación sexa maior. Seica non é evidente que o Sr. Rueda gasta menos en sanidade que outros CC.AA. ou en educación? Sabemos por que? E saben os seus votantes que ao darlle o voto a este tipo de políticas, perdemos todos!
En Galicia, 688.000 persoas están en risco de exclusión social (25,5% da poboación no 2023). Representan un 2,4% máis que no 2015. Dio “O estado da Pobreza”, informe elaborado pola Rede Europea de Loita contra a pobreza e a exclusión social. O 55% das persoas teñen “carencias materiais e sociais severas”.
A taxa de “pobreza laboral” en Galicia é do 11,1%, moi lonxe de Navarra, 6,3%, e Euskadi, 6,6%, aínda que está 2,6% por baixo da media do estado (13,7%). Isto no mencionado informe “Pobreza laboral, cando traballar non é suficiente para chegar a fin de mes”, presentado por OXFAM INTERMÓN. Que a pobreza laboral afecte a unha de cada dez persoas “traballadoras” é tremendo para unha Galicia que quere pertencer ao primeiro mundo.
Un gobernante que vexa estas cifras na súa bagaxe ten que ter en moi baixa estima para manter no poder. Entre todos, temos que conseguir parar este desmoronamiento político, social e económico.
Escribe o teu comentario