A fin de semana pasada, exactamente o domingo, 1 de decembro, a atención política e mediática galega tivo un dos seus focos na XVIII Asemblea do BNG e na súa líder Ana Pontón, o que non deixa de ser unha certa vitoria política de ambas. Unha Asemblea que se pechou confirmando, co 84% dos votos, a Ana Pontón como portavoz nacional e fixando como obxectivo estratéxico central conquistar a Presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas, previstas inicialmente para 2028, conquista coa que se daría fin a un longo éxodo das esquerdas galegas.
Como pasos a dar: “máis organización, máis traballo social e tamén máis poder municipal", isto último coa vista posta nas eleccións de 2027. Obxectivo estratéxico que se considera xustificado por que “non hai nada máis revolucionario que chegar ao Goberno para mellorar a vida dos galegos e galegas”. Unha mellora que Pontón centra "na salvagarda dos servizos públicos”, dar "futuro á xente nova", "construír un país feminista", "poñer fin á emerxencia lingüística" e lograr "o status político de nación" para que "as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía galega".
Se se pensa en como estaba o BNG (6 deputados) cando Ana Pontón foi nomeada por primeira vez portavoz nacional (2016) ten razóns para ser optimista. Se se pensa na realidade de hoxe e a onde se quere chegar as cousas cambian un pouco sen que se poda negar o anterior. Unha realidade de partida marcada por un Grupo parlamentario con 25 deputados (para unha maioría parlamentar de 38), un poder municipal constituído por 590 concelleiros e 36 alcaldías (para 313 en toda Galiza) e un apoio sindical que polo de agora monopoliza a CIG (que conta co 31% dos delegados sindicais que son bastantes menos que a suma de UGT e CCOO). Unha realidade que, ademais e mirando ao futuro, apunta a que con total seguridade para conquistar a Presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas vindeiras será necesario contar cos deputados das outras esquerdas, cando menos do PsdeG-PSOE.
Un escenario múltiple que reflicte tanto a fortaleza do BNG como as debilidades pois resulta evidente que a súa influencia na sociedade galega é moi, moi dispar. En relación a estas últimas (debilidades) o poder municipal é moi feble o que non deixa de ser un dato a ter moi en conta: un partido que se define como nacionalista e que afirma ser o único con un proxecto soberanista na realidade resulta ser un partido cunha débil implantación a nivel local sen que valla a desculpa do “caciquismo” se temos en conta que, por caso, o seu rival nas esquerdas (PSdG) ten unha moito maior implantación (96 alcaldías e 1.010 concelleiros).
O BNG debería revisar a fondo a estratexia municipal seguida durante todos estes anos si quere realmente lograr “unha implantación territorial máis masiva” que serva para chegar ao goberno de Galicia e levar a cabo grandes cambios que, para ser de fondo, deben comezar polos concellos.
Non menor relevancia ten a relación do BNG coas clases traballadoras galegas. A aposta sindical por unha única organización (CIG) leva a que a súa relación co conxunto das clases traballadoras galegas non sexa o maioritaria que debería ser se se quere gobernar co apoio das mesmas, mesmo resta forza ao obxectivo estratéxico de chegar ao Goberno. Este debate imprescindible e a decisión que se tome marcará o futuro do BNG e tamén do liderado de Ana Pontón. A organización non debera entrar nesta pelexa e abrirse a todo o movemento sindical galego sen por elo deixar de ter coas organizacións que o forman un nivel de “afinidade” distinto.
En relación á estratexia seguramente sexa oportuno lembrar varias cousas. A primeira. que ter o goberno non significa ter o poder como a historia ten demostrado abondo. O segundo que non estamos en épocas de revolucións senón de reformas, de grandes reformas que beneficien as clases populares, rematen coas desigualdades e supoñan avances democráticos en asuntos clave como soberanía e lingua, medio ambiente, emprego e benestar e igualdade. A terceira que Galicia forma parte de España e de Europa, como periferia non como “colonia”, e neses marcos son nos que hai que incluír a estratexia, as reformas e as alianzas que permitan, por caso, unha meirande presenza política en ambos espazos. Estratexia na que, sen dúbidas, o “modelo de concerto” non é a mellor opción fiscal soberanista (Galicia nin é o País Vasco nin tampouco Catalunya basta con ver o respectivo PIB/per cápita).
Pero os tempos son chegados de que as esquerdas galegas deixen atrás o seu longo éxodo.
Escribe o teu comentario