Nos Estados Unidos as campañas electorais, todas, non só as presidenciais, son moi caras polo que os candidatos precisan dispoñer de moitos fondos privados (millóns de dólares) para financiar a súa campaña. Millóns que só poden proceder das corporacións privadas que adiantan eses diñeiros por que saben que logo formarán parte dos equipos de apoio ao lexislativo e ao executivo que son quen redactan e aproban as leis.
Entre as grandes corporacións que financiaron a campaña de Donald Trump estiveron tanto as grandes tecnolóxicas da información (Silicon Valley), como a industria militar (Lockheed), o sector financeiro (Wall Street) e o lobby petroleiro (Shell, Exxon) así como tamén moitas corporacións e entidades ligadas ao lobby xudeu e as igrexas evanxelistas que apostaron maioritariamente polo candidato republicano doando millóns de dólares á súa campaña.
Con todos estes datos xa temos moitas pistas sobre as liñas grosas da probable política a seguir polo novo presidente dos Estados Unidos. Liñas que confirman os novos nomeamentos aínda que dada a particular personalidade do novo inquilino da Casa Branca poden coller non poucas curvas. A pesar destas dúbidas pódese afirmar que o medio ambiente e o feminismo estarán entre as vítimas da nova presidencia. En relación co primeiro é notorio tanto que Donald Trump é un negacionista do cambio climático (comprometeuse, no seu día, a retirar o seu país do Acordo de París e como confirmación de que mantén a posición vén de anunciar o nomeamento de Lee Zeldin, outro firme negacionista, como responsable da EPA) como que o lobby petroleiro marcará a axenda da súa política enerxética. Pola súa parte o feminismo estadounidense sabe que corren malos ventos e por iso xa empeza a manifestarse (o nomeamento da vella e clásica republicana Susie Wels como xefa de Gabinete e o posible de Matt Gaetz, acusado de tráfico sexual de menores, como Fiscal xeral non son boas novas para o feminismo)-
O belicismo colle agora aínda máis folgos. Algo que comprobaremos tanto con novos incrementos dos orzamentos públicos en armamento até acadar cifras astronómicas como no total apoio ás políticas xenocidas de Netanyahu en Oriente Medio, o que incrementará a inseguridade nesa rexión. Un auxe superior do belicismo que traerá maiores perigos de novas guerras e un progresivo retroceso a nivel mundial nos dereitos e liberdades que farán medrar a inseguridade. A desinformación e as trolas impregnarán a política trumpista e, para iso, que mellor que incorporar ao equipo do Presidente a Elon Musk, propietario da rede social X (antiga Twitter) especialista en trolas e xenuíno representante das grandes empresas tecnolóxicas (que agora, con Silicon Valley á fronte tornaron republicanas)? Unha acción política na que tamén as relixións ocuparán un lugar destacado que se verá tanto na información como no ensino.
Seguramente volverá a estratexia comercial de “America first” que prima as medidas proteccionistas (suba de aranceis) e que afectan tanto ao comercio internacional como a inmigración. En relación aos posibles cambios no comercio internacional non cabe a menor dúbida de que a Unión Europea será unha das grandes damnificadas (por caso, o sector do automóbil). Non penso que pase o mesmo con China pois aínda que volverán as tensións e as pugnas (con Taiwan como un elemento a favor das mesmas) non está nada claro que sexan definitivas e que a nova administración adopte medidas contundentes dada a importante presencia de grandes empresas estadounidenses naquel país. No que si se producirán maiores retrocesos será na política migratoria que volverá a ocupar un lugar destacado na retórica trumpista como así parece confirmalo o nomeamento de Tom Homan (“fiel defensor do control fronteirizo” segundo Trump) como “novo zar da fronteira” polo que estará a cargo de todas as deportacións de emigrantes. Como remate sinalar que Wall Street (dominador das finanzas internacionais) volverá a marcar as liñas fiscal (austeridade) e financeira (especulación) da nova Administración e para eso estará Steve Mcnuchin, exdirectivo de Goldman Sachs á fronte do departamento do Tesouro.
Velaí algúns dos trazos grosos que quen isto escribe pensa caracterizarán a política estadounidense nos vindeiros anos e que debuxan un horizonte moi preocupante para a paz, a liberdade e a democracia no mundo.
Escribe o teu comentario