España. Un referente europeo con graves problemas

Manoel Barbeitos
Economista

 

PedroSnchezeneldebatedeinvestiruda 1
Pedro Sánchez

 

Quen nos ía dicir hai non moito tempo que España chegaría a ser un referente na Unión Europea?. Haberá quen pregunte se tan mal anda Europa para que España sexa un referente? Ambas as dúas consideracións, aínda que parezan antagónicas son tamén certas e así o confirman todas as evidencias empíricas. Claro que se se pon a orella ás dereitas españolas (PP/VOX) e os seus subvencionados altofalantes nada do anterior resultaría certo por que en España hai “un goberno ilexítimo” (a pesar de ser elixido polo parlamento como así o fixa a Constitución española, Art. 99) e estamos peor que nunca (digan o que digan os organismos internacionais mais solventes).


 

Mais non prestemos atención ao barullo destas dereitas e analicemos os feitos, as realidades. Empecemos por un dos maiores problemas sociais que tiña España nestas últimas décadas: o emprego. Segundo os datos máis recentes e fiables (EPA 3ªT) España e Galiza marcaron novos récords con 21,8 e 1,16 millóns de empregos. Á súa vez os salarios empezan a situarse, a nivel medio, por riba da inflación (+4% en España, +5% en Galicia, nos últimos doces meses). Unha evolución positiva do mercado laboral que axuda a reducir unha das desigualdades máis rechamantes como é a desigualdade de xénero, pois o emprego feminino marcou tamén un récord histórico ao tempo que os salarios das mulleres tiveron un incremento notable. Unha evolución positiva do mercado laboral que repercute no conxunto da economía como así reflicten os informes do FMI que nun contexto internacional de elevada incerteza sitúan a España “na vangarda dun superciclo económico xunto aos Estados Unidos e Canadá”.


 

A nivel político un dos maiores problemas que encontrou o goberno español de quenda (PSOE/Sumar) foi co chamado 'conflito catalán'. Cando triunfa a moción de censura que abriu a porta ao goberno de coalición (2018), a situación política en Catalunya estaba marcada por unha moi elevada conflitividade derivada da resposta política, policial e xudicial ao PROCESS e marcada pola Intervención da autonomía catalá, un Parlamento bloqueado, uns dirixentes políticos pendentes de procesamento polo Tribunal Supremo, etc. Na actualidade, e logo das últimas eleccións autonómicas (marzo 2024) que abriron a porta da Generalitat ao PSC grazas a un pacto tripartito (PSC-ERC-Comúns) e cuns políticos independentistas amnistiados por mor dunha iniciativa do goberno español de quenda (PSOE/Sumar), o escenario político e social en Catalunya volve a unha certa normalidade posto que agora a maioría dos representantes políticos recoñecen que a resolución do conflito catalán se ten que canalizar por vías democráticas.


 

Mais resulta indiscutible que non todo son boas novas. España non escapa ao crecente ascenso das forzas de extrema dereita que se está producindo en practicamente toda Europa. Un ascenso acompañado dunha viraxe das outras dereitas (PP) a posicións tamén extremas que turran por enlamar o escenario político, crear crecentes elementos de conflitividade, deteriorar a democracia e xerar unha crispación social que impida o diálogo e a negociación.


 

Un ascenso das forzas totalitarias que se ve favorecido pola falta de luces longas dos partidos que conforman o goberno de quenda (PSOE/Sumar). Nun escenario político-social con numerosas incógnitas e incertezas, con problemas sistémicos que non acaban de afrontarse con valentía e decisión (como estamos vendo coa vivenda, a fiscalidade, o medio ambiente, as desigualdades territoriais e a inmigración) e que requiren visións a medio e longo prazo, os partidos do goberno español móvense con luces curtas, ás veces moi curtas.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE