Os actuais dirixentes do PP, con Alberto Núñez Feijóo e Miguel Ángel Tellado á fronte, parecen cada vez máis convencidos de que a pesar das aparencias e o barullo mediático-xudicial, o goberno español de quenda (PSOE/SUMAR) ten moitas papeletas para completar a lexislatura na súa totalidade. Unha certeza que lles fai perder os nervios e cometer graves erros políticos.
Erros como a súa oposición a amnistía para os políticos do Process e a redución de penas aos presos de ETA que ademais de levalos a sumar novas derrotas políticas afastan a posibilidade dun acordo co PNV (xa de seu moi difícil) e/ou JxCAT (máis posible) que lles abriría a porta a presentar unha moción de censura ao goberno de quenda con posibilidades de triunfar.
Derrotas políticas ás que podemos sumar a batalla contra a corrupción e non por que non haxa motivos para censurar ao PSOE, en xeral, e a Pedro Sánchez en particular, senón por que nesa batalla política o PP leva todas as de perder dados os incontables expedientes de corrupción que ese partido ten abertos en numerosos xulgados por toda España (un mínimo de 30 sumarios no presente ano: Gürtel, Lezo, Púnica, Erial, Kitchen....) con varias decenas de exdirixentes moi destacados procesados (velaí os casos de Rato e Zaplana) e onde non faltan as prácticas de evasión fiscal (Gürtel, Púnica...) como puidemos comprobar grazas aos Papeis de Panamá.
Non menor é o erro de utilizar a Sala segunda do Tribunal Supremo na súa particular batalla contra o Fiscal Xeral do Estado (Alvaro García Ortiz) que con toda seguridade quedará en nada pola falta de argumentos en que se basea a imputación e por que, como subliñan fontes xurídicas solventes, o Fiscal Xeral non cometeu ningún delito. Unha derrota política máis que sumar na mochila do Partido Popular (PP) a quen non parece importarlle a saúde dunha democracia deficitaria que, a pesar dos golpes de dereitas tan extremas, é quen de ir avanzando. Avanza por que con estas estratexias están favorecendo a unidade da actual maioría que apoia ao goberno en contra dunha alternativa que ten un tufo franquista.
Neste comportamento subversivo e suicida dos actuais dirixentes populares hai seguramente factores internos da organización (PP) que están influíndo. Cunha Isabel Ayuso que cada día que pasa se mostra máis agresiva e protagonista cabe pensar que a Feijóo e a Tellado se lles apareza o pantasma dun Casado fulminado por enfrontarse a aquela. Por outra parte, asumir o extremismo político da Presidenta da Comunidade de Madrid, acirrado pola prensa subvencionada, ao mesmo tempo que leva a que a dirección actual se teña que contradicir en non poucos casos (velaí o sucedido coa xuntanza dos presidentes autonómicos co xefe de goberno), co conseguinte deterioro de imaxe que isto carrexa, tamén os obriga a situar ao PP na loita polo mesmo espazo que Vox afastándoo así dunha posición de centro que faría más fácil un acordo cos nacionalistas periféricos. Un acordo que, dada a actual composición do Parlamento español, resulta imprescindible se se quere presentar, con posibilidades de éxito, unha moción de censura que ubicaría a Núñez Feijóo como líder do centrodereita español.
Velaí as razóns do evidente nerviosismo dos dirixentes do PP que lles leva a perder os papeis e a que medren as posibilidades de que Pedro Sánchez esgote a actual lexislatura a pesares desta nova ofensiva das cavernas.
Escribe o teu comentario