A desfeita dun país

Manoel Barbeitos
Economista

 

Ruedafeijo
Ruedafeijo


 


 

Nos últimos anos multiplícanse as evidencias de que estamos asistindo a unha auténtica desfeita de Galicia como país. Non son alarmismos gratuítos e irresponsables senón realidades máis que evidentes que teñen fácil constatación empírica. 

 

Empecemos pola lingua un signo da nosa identidade como pobo. Como ben sinalan os membros da RAG (Real Academia Galega) están soando as alarmas: segundo o IGE (Instituto Galego de Estatística) as persoas que falan sempre ou máis galego quedan nun 45% e as que optan sempre ou máis polo castelán ascenden ao 52,94%. O uso do galego está retrocedendo en todo o país deixando de ser a lingua maioritaria que pasa a ser o castelán.

 

Que está a pasar cos servizos públicos de benestar mais relevantes como, por caso, a atención sanitaria? A aposta da Xunta de Galicia por favorecer a entrada do capital privado, os recortes no gasto público e no persoal sanitario e o peche de unidades impiden que a sanidade pública sexa un servizo universal e gratuíto poñendo en serio perigo a saúde de moitos galegos. Un deterioro que, como sinalan os informes anuais da Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais afecta practicamente a tódolos servizos públicos galegos que, a nivel de gasto foron perdendo peso ao longo dos anos: 66,41% do orzamento no 2009, 62,87% no 2023 o que lle fixo retroceder posicións a nivel de estado. Se o gasto medio español en políticas sociais é de 478,5% euros/habitante/ano en Galicia é de 436,3% (91%: 9 puntos menos).

 

O medio ambiente. Frente a crise ambiental que nos golpea, as políticas do Goberno galego de quenda (PPdG) amosan unha despreocupación total polo medio como vemos agora co caso de ALTRI que non fai máis que confirmar a aposta por unha industria fortemente contaminante e depredadora de recursos naturais (eléctricas, refinado de petróleo, metalúrxicas, celulósica-papeleira...). Un dos últimos informes do IPCC (Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático) suliñaba que Galicia está nunha situación de emerxencia climática pola alta pegada do carbono, a frecuencia de secas prolongadas, o comportamento das precipitacións e o carácter cada vez máis devastador das lapas entre outros fenómenos.

 

O emprego xuvenil. Resulta rechamante a indiferenza con que se asiste a fuga dos nosos mozos máis preparados ao non atopar unhas condicións de traballo dignas na súa terra. Galicia agocha unha alarmante falta de creación de empregos por mor de políticas públicas que ignoran este problema central da economía e a sociedade. Este país, segundo a EPA e EUROSTAT, ten unha das taxas de ocupación máis baixas xa non só de España senón da Unión Europea, nun mercado laboral que para o Foro Económico de Galicia (FEG) ten sombras importantes.

 

A vivenda é hoxe un dos maiores problemas sociais a pesares das numerosas vivendas baleiras (máis de 350.000 segundo a FEGEIM: Federación Galega de Empresas Inmobiliarias), con miles de familias que ben non poden facer fronte a hipoteca (unha media de 3 desafiuzamentos diarios) ben non poden acceder a unha vivenda nova dado o déficit de vivendas de protección oficial (fronte unha demanda estimada de 18.000 solicitudes a Xunta ten previsto construír na actual lexislatura 3.500, menos do 20% da demanda, co agravante de que vistos os precedentes nin sequera esta cifra é crible). 

 

Son situacións (lingua, benestar, medio ambiente, emprego, vivenda) que descosen un país, que lle quitan a súa personalidade, que afondan na desigualdade e no abandono pero que tamén apuntan aos responsables da desfeita, a quen podendo evitar que estas situacións se produzan non só non o fan senón que afondan nelas. Responsabilidades que se atopan repartidas entre as Administracións Públicas empezando pola Xunta de Galicia. 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE