Resulta rechamante escoitar os diferentes lideres políticos autonómicos á hora de describir a situación fiscal da súa comunidade. Sexan da comunidade que sexan (Galicia, Catalunya, Pais Valenciá, Andalucía, Madrid.....), todos, agás os de Pais Vasco e Navarra que teñen a cota, afirman que co actual sistema de financiamento as súas comunidades acumulan déficits anuais á hora de cubrir os servizos básicos. Todas coinciden en subliñar que están subfinanciadas e para demostralo utilizan as chamadas balanzas fiscais que, polo que se ve, cada quen as interpreta de diferente maneira para así poder xustificar o inxusto da fenda existente.
Unha interpretación diferente porque resulta imposible facer cálculos fiscais obxectivos e axeitados sobre a quen realmente beneficia, ou prexudica, o que o Estado gasta e o que ingresa nunha Comunidade Autónoma. Velaí que tales balanzas presenten resultados diferentes segundo quen faga o cálculo.
Poñámonos no caso de Galicia e pensemos en gastos relevantes do Estado na Comunidade como, por caso, en grandes infraestruturas viarias e portuarias ou mesmo poderíamos dicir en departamentos ministeriais e outros órganos do estado de dereito. Pois ben, deste tipo de gasto só se beneficia Galicia, os seus cidadáns e as súas empresas? Non se benefician tamén os que a visitan?, por caso, os turistas que chegan a Compostela, benefícianse? Teñamos en conta, algo que explicarei a continuación, que somos os cidadáns, non os territorios, quen pagamos os impostos que ingresa o Estado e que lle permiten afrontar os gastos no territorio autonómico.
En relación con isto anterior outra crítica que tamén se pode facer ao uso das balanzas fiscais parte do diferente sistema de cálculo que se soe usar á hora de facer os balances. Diferenza que parte de que mentres o gasto da Administración Central nas Comunidades Autonómicas fíxase en proporción á poboación, a contribución destas a aquela faise en proporción á renda: unha CCAA paga por renda e percibe por poboación. En Galicia deberíamos ter moi en conta este matiz. Velaí algunhas das razóns da crítica a utilizar as balanzas fiscais para xustificar as necesidades financeiras dunha comunidade autónoma.
Esta visión das balanzas fiscais non é contraditoria co recoñecemento de que poden formar parte dun necesario debate más amplo sobre a organización territorial do Estado español. Un debate moi político pero con excesiva frecuencia moi crispado que no seu transfondo agocha un indiscutible descontento co reparto das cargas e os beneficios públicos. Descontento que é aproveitado con fins electorais como estamos vendo na actualidade.
Neste marco cómpre volver aos argumentos iniciais sobre as balanzas fiscais para finalmente afirmar: 1. A día de hoxe non é posible elaborar balanzas fiscais obxectivas e fiables, 2. Non obstante resulta indiscutible a existencia de desigualdades, iniquidades territoriais, e 3. O chamado “maltrato fiscal” de existir non está precisamente nas autonomías mais desenvolvidas.
Escribe o teu comentario