Altri e os Despotismos

Manoel Barbeitos
Economista

Altrinon
Altrinon


 

DESPOTISMO: conxunto de actitudes e prácticas de quen abusa da súa superioridade ou poder no trato cos demais


 

As formas e métodos cos que o goberno galego de quenda (PPdeG) está levando adiante o seu proxecto de instalar unha macrofábrica de produción de pasta de celulosa a partir do eucalipto (ALTRI) no interior da provincia de Lugo resultan altamente preocupantes tanto dende o punto de vista democrático como social.

Preocupantes aínda que non novidosos pois na súa práctica política cotiá o PPdeG aproveita de forma abusiva e autoritaria a súa maioría absoluta parlamentaria para impoñer os seus proxectos e programas. Uns modos despóticos que sistematicamente ignoran, cando non desprezan, as opinións contrarias e que supoñen un claro abuso da súa superioridade. Un abuso da súa superioridade que incluso emprega cos colectivos sociais que protestan, por considerarse prexudicados polas políticas da Xunta de Galicia como, por caso, estamos vendo agora cos sindicatos agrarios, as asociacións ecoloxistas, os colectivos sociais e veciñais e as asociacións de mariscadoras.

 

Non menos preocupante que este abuso da superioridade resulta a súa visión do desenvolvemento económico. Que nunha das provincias de maior potencial gandeiro e, xa que logo, agroindustrial en Europa se programe a instalación dunha planta de pasta de celulosa pon en evidencia un concepto do desenvolvemento e o crecemento económico que ignora tanto a relevancia dos recursos naturais como do medio ambiente. En relación aos recursos naturais cómpre ter en conta que a posta en marcha desta factoría verá incrementar aínda mais unha superficie dedicada ao eucalipto que xa ocupa preto do 14% do territorio galego e representa o 54,5% da superficie española dedicada a esta especie pirófila. Con respecto ao medio ambiente hai que ter en consideración que ademais dos efectos contaminantes das emisións gaseosas e líquidas e dos residuos deste tipo de factorías o lugar para instalar a macrofábrica é lindeira con áreas ecolóxicas da REDE NATURA 2000.

 

Un despotismo que o PPdeG emprega na defensa preferente dos intereses das grandes sinaturas capitalistas que en Galicia son tremendamente depredadoras. Nesta estratexia, ALTRI vén sumarse as industrias extractivas, enerxéticas, celulosas, metalúrxicas... de grande impacto medio ambiental pero que confirman, tamén en Galicia, o enorme poder da oligarquía española e a importancia política das chamadas “portas xiratorias” a hora de tomar decisións en materia, por caso, de política industrial. Basta con votar unha ollada ao accionariado das maiores industrias galegas para confirmalo.

 

Actitudes e prácticas despóticas que grazas ao férreo control dos medios públicos de información (CRTVG) e o “pesebrismo” de moitos privados (véxase, por caso, a información que están dando sobre ALTRI) o PPdeG consegue sexan aceptadas por unha maioría social que garanta permanentes vitorias electorais a pesares das negativas consecuencias das súas políticas. Vitorias que as esquerdas non parecen quen de converter en derrotas nin sequera no caso de ALTRI onde volven mostrar o seu infausto cainismo para maior beneficio do PPdeG.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE