Alfonso Rueda perdeu unha oportunidade

Manoel Barbeitos
Economista

AlfonsoRuedahoyenlareunindelConsellodaXuntaantesdelaruedadeprensa
AlfonsoRuedahoyenlareunindelConsellodaXuntaantesdelaruedadeprensa


 

Non sei exactamente que cálculos políticos levaron a Alfonso Rueda (presidente do Goberno galego) a planificar a entrevista con Pedro Sánchez (presidente do Goberno español) tal e como o fixo pero o que si afirmo é que perdeu unha oportunidade non menor e o irá comprobando consonte pasen os días.

 

Tratábase dunha entrevista entre os máximos dirixentes políticos de Galiza e de España polo que parecería lóxico e natural agardar que da mesma saíran unha serie de acordos políticos importantes dentro dos marcos trazados pola Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galiza. Tamén cabía pedir que ambos políticos se comportaran como estadistas que antepoñen os intereses xerais aos partidarios. Finalmente e dende a perspectiva de Alfonso Rueda a entrevista debería servir para reforzar a súa imaxe como líder político, tanto no escenario español como galego. Non se cumpriu ningún deses obxectivos e, polo que sabemos, as responsabilidades non están compartidas. Velaí que afirme que Alfonso Rueda perdeu unha oportunidade.

 

Perdeu, por caso, saír da entrevista con acordos importantes tales como o de enfrontar o traspaso efectivo das transferencias estatutarias pendentes, algunhas moi relevantes a nivel de soberanía, de abrir a senda para un financiamento especial de Galiza que necesariamente debe partir de negociacións bilaterais como vén de suceder con Catalunya e de iniciar a negociación dunha reestruturación da débeda.

 

Que saibamos, en transferencias os acordos son moi pobres (agás o da xestión do litoral e por mandato constitucional), en financiamento autonómico Rueda non deixou marxe a unha negociación na senda dun financiamento especial como sería mester por tratarse dunha comunidade histórica e no tema dunha quita da débeda galega nada novo: o PPdeG segue empeñando en negarse a que Galiza poida descargar un pouco o peso da débeda para apostar por convertela nun negocio da banca a conta duns fondos públicos que poderían destinarse a outros obxectivos máis beneficiosos para os galegos e as galegas.

 

Coa súa actitude quedou en evidencia que Alfonso Rueda actuou máis como se fora un funcionario disciplinado do Partido Popular (PP) que engade un novo chanzo á estratexia de confrontación que o seu partido vén adoptando co goberno español de quenda (PSOE/Sumar) que como o presidente dun goberno. Moi lonxe do que cabía esperar dun estadista.

 

Por outra parte, a falta de acordos relevantes en nada favorece a súa imaxe pública como presidente da Xunta de Galicia e como líder do PPdeG. Logo da entrevista, esas imaxes quedan, tanto no escenario español (no que apenas eran visibles) como no galego, nun nivel moi baixo e cun perfil moi pobre que lle custará moito tempo superar. Se é que o consegue.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE