Na xudicatura, como en calquera profesión do mundo, sempre cohabitan os que se consideran estrelas, os currantes e aqueloutros que fan o seu traballo e queren pasar desapercibidos. Isto é, como di un amigo, “as cousas da vida nas que hai para todos os gustos”.
Este luns caloroso do mes de xullo comeza a semana cunha noticia bomba: a Audiencia Nacional entraba de cheo en materia e anunciaba que invalidaba “todo” o investigado no Tsunami Democrático desde xullo de 2021. En que se basea a súa decisión?, en que o xuíz instrutor do caso, Manuel García-Castelló prorrogou a instrución fóra de prazo. Iso significa que as dilixencias levadas a cabo polo xuíz do Tsunami no tres últimos anos non son válidas. A decisión da AN deixa no aire a continuidade de todas as causas posteriores a xullo do 2021 que poderían terminar en arquivo, incluída a imputación por terrorismo ao expresidente Carles Puigdemont ao ser incluído no procedemento con posterioridade a esa data.
Ante esta nova e sorprendente noticia, Carles Puigdemont debe estar a dar saltos de alegría e brindado con ratafia a que no seu día lle levase o tamén expresidente Quim Torra, gran promotor deste licor catalán, o mellor da súa obra de goberno. Non sei quen dixo que “na vida non hai premios nin castigos, senón consecuencias”.
O xuíz instrutor é un dos chamados xuíces estrelas de tendencia conservadora, chegou á Audiencia Nacional en 1993 para substituír a outro xuíz estrela, Baltasar Garzón, cando este se pasou á política nas filas dos socialistas. Foi entón cando lle tocou instruír o Caso Banesto e o ingreso en prisión do banqueiro Mario Conde. Chegou a investigar a catro expresidentes do goberno madrileño, Esperanza Aguirre, Alberto Ruiz Gallardón, Cristina Cifuentes e Ignacio González. Todos eles foron exonerados polo xuíz e só González foi procesado. Tamén se lembra que non sabía quen era M. Rajoy nos papeis de Bárcenas. Ou o arquivo do “caso Kitchen” para María Dores de Cospedal, a exsecretaria xeneral do PP, a pesar de que a axenda do supercomisario Villarejo estaba chea de anotacións sobre ela e os audios que se deron a coñecer.
O xuíz Manuel García-Castelló solicitou hai dous anos -tiña 70 anos- a prórroga extraordinaria da súa xubilación para continuar á fronte do xulgado até os 72 anos, que é o máximo permitido. O próximo mes de setembro, segundo din, tocaralle xubilar. Que fará García-Castelló con todo o que ten sobre os seus ombreiros, que non é pouco? Supónselle que terminaría a instrución, tirará a toalla ou seguirá até o último minuto coas súas imputacións, iso se as de antes do 2021?
Sexa como sexa, a noticia bomba deste luns, foi como un terremoto de consecuencias inesperadas, ou non? O que queda claro é que a Audiencia Nacional aplicouse a fondo en buscar, que non é difícil, todos os documentos elaborados polo xuíz estrela, que algúns esperan que nesta ocasión pase de estrela a estrelado nestes meses tan intensos previos á súa xubilación que algúns están a esperar como auga de maior, que se produza. Alguén dixo que “A oportunidade non chama á porta, preséntase cando a derrubas a golpes”.
Escribe o teu comentario