Unha das primeiras preguntas que cabería facer sería a da relevancia que teñen en Galicia estas eleccións. Pregunta que nos leva a concluír que non están no foco da maioría da cidadanía galega que parece miralas un pouco de lonxe. Varias poderían seren as lecturas desde esta distancia.
A primeira, que as realidades económicas e sociais de ámbalas dúas comunidades son moi diferentes entre si. Diferencias que fan moi difícil unha mínima simbiose política, algo que practicamente nunca existiu na historia recente. Si como sinalaba no artigo anterior (https://gal.galiciapress.es/artigo/opinion/2024-03-27/4773072-normalidade-democratica-e-barullo-politico) o País Vasco (PIB/percapita claramente por riba da media española: 118,2%) forma parte do que podemos chamar centro do capitalismo español, Galicia (PIB/percapita: 85,4%) é claramente periferia. Unha realidade que se reflicte nas diferencias entre as magnitudes macroeconómicas máis importantes (demanda, oferta...).
A segunda, é que formando parte do mesmo estado durante a presente democracia teñen algunhas regras políticas moi diferentes como comunidades autónomas. Así, aínda que as dúas comunidades se apoian en sendos Estatutos de Autonomía hai diferenzas importantes en competencias financeiras: mentres o País Vasco se rexe polo "cupo vasco", Galicia permanece entre as que o fan polo réxime común o que neste caso supón unha menor soberanía fiscal aínda que a Galicia, no curto e no medio prazo, non lle debera interesar o sistema vasco por razóns obvias.
Diferencias que tamén se plasman nos actores políticos e o seu papel no escenario. A lectura da composición dos distintos parlamentos ao longo de todo o período autonómico pon en evidencia unha maior e máis forte presencia das forzas soberanistas no País Vasco que no país galego. As diferenzas son enormes: mentres en Galicia o soberanismo foi sempre minoritario e nunca ocupou a Presidencia da Xunta (só unha vez estivo no goberno galego, na lexislatura 2005-2009) no País Vasco de cinco lehendakaris que ocuparon Ajuria Enea, 4 pertencían ao PNV o que supuxo que en 44 anos de goberno vasco, 41 foron baixo presidencia soberanista. En canto á presencia das dereitas extremas (PP/Vox) se en Galicia o Partido Popular (PP) a día de hoxe, e cando iniciamos unha nova lexislatura “popular”, ocupou a Presidencia da Xunta de Galicia durante 35 anos dos 42 que levamos de autonomía, no País Vasco nunca chegaría a gobernar e sendo durante a maior parte do tempo unha forza secundaria. Na actualidade só conta con 6 deputados nun Parlamento que ten 75 escanos.
Con estes perfís tan dispares resulta lóxico que as eleccións vascas reciban unha escasa atención entre a cidadanía galega. Unha atención que tamén se ve condicionada pola forte propaganda dunhas dereitas galegas (PPdeG) que buscan, preferentemente, o identificar País Vasco con terrorismo etarra e o separatismo. Moito máis en momentos como o actual cando o soberanismo vasco vén de negarlle a Núñez Feijóo o seu apoio para investilo como Presidente do goberno español.
Unha lóxica que, a pesar diso, non debera ocultar unha realidade que todos estes anos de democracia puxeron en evidencia: o grado de democracia e de progreso social en España van depender sempre de como se afronte a distribución do poder político e institucional. De se esa distribución ten en conta ou non a realidade dun estado con pobos diferenciados (Galicia, Cataluña, País Vasco) que deben encontrar o seu acomodo. Algo que, a pesares dos avances producidos que son indiscutibles, aínda está pendente como estamos comprobando no día a día.
Velaí un tema de interese das eleccións vascas: se o resultado vai facilitar, ou non, que o País Vasco siga avanzando cara a súa definitiva acomodación no estado español. Todo apunta a que a resposta do electorado vasco será afirmativa. De ser así a pelota estará no tellado do goberno español.
Escribe o teu comentario