Quen o diría pero o señor Núñez Feijóo e a o seu equipo, coa súa estratexia subversiva e insurreccional, están a converterse, sen querelo, no principal aliado do goberno español de quenda (#PSOE/Sumar).
O ocorrido no Parlamento español o pasado mércores, 10 de xaneiro, cando as dereitas extremas (#PP/Vox), de maneira inesperada para elas, volveron recadar unha nova derrota política, veu confirmar varias evidencias que xustifican o que afirmamos. En primeiro lugar, que os actuais dirixentes do Partido Popular (#PP) seguen facendo unha lectura equivocada tanto dos resultados das últimas eleccións xerais (que perderon) como das alianzas políticas que viñeron a continuación e que facilitaron a repetición dun goberno de progreso (#PSOE/Sumar).
Unhas alianzas que son mais froito dun común rexeitamento ás dereitas extremas (#PP/Vox) que dun apoio ás esquerdas (#PSOE/Sumar), moito menos ás súas estratexias. Así, ao PNV e, mesmo, a JxCat resultaríalles moi difícil de explicar aos seus votantes do País Vasco e de Catalunya unha alianza na que entrase un partido franquista como Vox. Velaí que, a pesar das moitos coincidencias que en materia de política económica e social (pensións, salarios, funcións de benestar...) teñen as dereitas españolas e as periféricas, moi especialmente coas catalás, eses partidos (#PNV, JxCat) néguense a apoiar a súa estratexia de acoso e derriba do goberno español de quenda (#PSOE/Sumar).
Como esperaban, o señor Núñez Feijóo e o seu equipo, que o centro-dereita periférico (#PNV, JxCat) sumarase á súa estratexia de derrotar e derrubar ao goberno español de quenda se previamente anunciaran a súa vontade de ilegalizarlos como partidos políticos? Non eran conscientes de que con esta estratexia antidemocrática e anticonstitucional estaban solidificando a alianza de PSOE e Sumar cos partidos soberanistas? Non resulta difícil de entender e concluír que no paso atrás dado por JxCat no seu enésimo farol político (neste caso non apoiar os decretos gobernamentais) tivo unha influencia decisiva a postura das dereitas extremas en relación con estas ameazas e, moi especialmente, coa amnistía. Unha derrota, e posterior caída do goberno de quenda (#PSOE/Sumar), abriría a porta a unhas novas eleccións xerais que, moi probablemente, facilitarían un goberno das dereitas extremas (#PP/Vox) que, coas posicións actuais, sería mortal para os políticos independentistas que están pendentes dunha amnistía.
Isto lévanos a unha reflexión final relacionada coas alianzas nas dereitas e as súas opcións de chegar a gobernar en España. As últimas eleccións xerais volveron pór en evidencia que, de non producir cambios imprevistos, se as dereitas españolas (#PP) queren chegar a gobernar precisarán do apoio do centro-dereita periférico (#PNV, JxCat). Un apoio que, dadas as moitas coincidencias programáticas, non lles debería resultar difícil pero que a alianza con Vox impide, moi especialmente por parte do PNV, un partido claramente antifranquista.
Para finalizar convén subliñar que a adopción dunha estratexia subversiva e insurreccional por parte do señor Núñez Feijóo e o seu equipo ten tamén unha lectura en clave interna. Logo dos resultados habidos nas últimas eleccións autonómicas e locais, e ante o forte ascenso de moitos dos seus baróns (Ayuso, Moreno, Mazón, Guardiola, Mañueco, Azcón....) aqueles precisan con urxencia “tocar poder” pronto, pois pola contra o seu liderado no Partido Popular (#PP) corre serio perigo.
Non é verdade, señora Ayuso?
Escribe o teu comentario