O ocaso de Podemos: causas e razóns

Manoel Barbeitos
Economista

Estes días pasados tivemos unha mostra mais da falta de obxectividade, rigor e honestidade tanto de moitos medios de información, como de sectores relevantes dos distintos poderes do Estado que se teñen ben ganado o cualificativo de caverna. Voume referir a un par de casos paradigmáticos que reflicten esa realidade que teñen que ver con Podemos e xentes próximas nalgún momento. Casos que son tamén reflexo dunha (non de toda afortunadamente) realidade política, xudicial e mediática en España. Políticos, policias, xuíces e periodistas que dende practicamente a aparición na escena política daquel non pararon hasta derrubalo. Un obxectivo para o cal non tiveron nunca reparos en utilizar os medios mais desprezables e ruíns que, ao mesmo tempo, danan gravemente as democracias e as súas institucións pois tratan de poñelas en cuestión.


Fai uns días o maxistrado Juan Jose Escalonilla arquivaba a última das dez pezas separadas que abriu por delitos de corrupción contra Podemos e varios dos seus dirixentes no chamado Caso Neurona (aberto no ano 2020) no que se puxo, unha vez mais, de manifesto a connivencia entre sectores políticos, empresariais, mediáticos, políciais e xudiciais. Podemos leva oito anos de acusacións xudiciais sen probas, con tódolos casos arquivados, e.... agora que?, quen repara os danos causados a Podemos?, como é posible que segan impunes os que montaron a trama?. Polas mesmas datas (“casualidade”?) tamén se arquivaba o última caso xudicial dirixida contra Ada Colau derivado dunha quérella de fondo voitre Vauras, accións penais emprendidas segunda a xuíza “simplemente por que non lle eran favorables as políticas de vivenda propiciadas por Ada Colau e a súa equipa durante o seu mandato”. Un caso xudicial polo que esta política tivo que declarar dous meses antes das eleccións municipais do 28M. Ada Colau e a súa equipa recibiu durante os seus dous mandatos 15 denuncias e quérellas: o día de hoxe 13 xa están arquivadas e todo indica que as dúas que faltan seguirán o mesmo camiño. As mesmas preguntas: quen repara o dano causado?, como quedan impunes os da trama?


Si o 15M coas súas proclamas e reivindicacións (que puxeron en evidencia moitos dos déficits da democracia española) xa despertara fortes inimigos entre as elites serían os espectaculares resultados obtidos nas eleccións do 2015 (5.200.000 votos e  69 escanos) e 2016 (71 deputados e 5.100.000 votos en coalición con Izquierda Unida) os que despertarían tódalas alarmas pois non resultaba descavillado, como se vería despois, que facilitaran un cambio político de calado. Alarmas que levaron a que a partires dese momento un exercito de políticos, maxistrados, policías e periodistas empezaran un auténtica cruzada contra Podemos como non se tiña visto antes. Nunca na historia da actual democracia española un partido político foi tan acosado e vilipendiado. Unha cruzada onde todo estaba permitido dende os ataques persoais mais arrabaldeiros e sucios deica a apertura de numerosos expedientes xudiciais sen base algunha (como se vería despois), unha persecución policial propia da ditadura franquista, grandes titulares e inflamados artigos en medios de comunicación e opinión dirixidos e restarlle apoio entre a cidadanía pero sempre utilizando como argumentos a mentira e a infamación sen base. Cando se escriba esta parte da historia da democracia española, que se escribirá, seremos plenamente conscientes do turbia e indigna que foi esta persecución a un partido democrático. Unha persecución que parecera conseguiu finalmente o seu obxectivo que non era outro que destruír a Podemos.


Pero a análise sería incompleta senón fixéramos referencia ao que mais nos debera interesar: os importantes erros que cometeron os/as dirixentes desta organización e que axudaron a súa desfeita. Erros que explican en parte a evolución electoral en so 7 anos:  de contar con 71 deputados no 2016, a 35 no 2019 e so 5 no 2023 (estes dentro de Sumar). O primeiro dos erros, sobre o que pouco se fala, sería a unión orgánica con Izquierda Unida (15 de marzo do 2019) formando Unidas Podemos. Unha unión que provocaría que Unidas Podemos fose parecéndose cada vez mais a vella Izquierda Unida e menos ao Podemos orixinal. Esta transformación supuxo que se volveran a repetir agora os males dos partidos tradicionais que eles tanto habían criticado: o cainismo, as loitas fratricidas, o caudillismo.... A unión dera paso a unha organización política que adoptou o formato dun partido clásico coas súas virtudes e os seus defectos pero que se afastaba do que inicialmente defendía Podemos e que supuxo o abandono de non poucos dirixentes e simpatizantes “desencantados”. Un paso que favorecería claramente aos dirixentes e cadros de Izquierda Unida máis veteranos e expertos na loita partidaria.


Unha dinámica que tivo o correspondente custo electoral como se puido comprobar nas  eleccións do 2019, nas primeiras do 28A (42 deputados, 29 menos, e 3.720.000 votos) e nas segundas do 10N (35deputados e 3.200.000 votos), A unión das dúas forzas Podemos e Iquierda Unida pasaba dos 71 deputados e 5.100.000 votos a 35 deputados e 3.200.000 votos: unha perda do 50%. 


A entrada de Podemos no goberno español (7 de xaneiro do 2020) si ben serviu para que este (PSOE/UP) adoptara un claro perfil progresista, con medidas de calado en claro beneficio das clases populares, tamén puxo en evidencia que Podemos aínda non estaba maduro para gobernar. O paso da Porta do Sol (2011) aos Ministerios (2020) foi demasiado rápido e pasou factura con comportamentos infantís e inmaturos por parte dos dirixentes de Podemos que serían habilmente aproveitados tanto pola brigada antipodemita (que inaccesible ao desalento seguía coa súa brutal campaña de acoso e derrube) como polos outros membros do goberno, PSOE e antigos dirixentes de Esquerda Unida, buscando estes gañar maior protagonismo e imaxe. Demasiados factores en contra como para non pasar factura. A verdade é que este tipo de comportamento bastante inmaturo, tamén sectario, Podemos repetiuno en varias comunidades prexudicando claramente as posibilidades das esquerdas neses territorios (Galicia, Madrid, Valencia, Andalucia, Canarias....). a par que erosionando a súa imaxe. 


Así chegouse as eleccións do 23J de 2023, onde asistimos ao que pode chegar a seren o canto do cisne de Podemos quen non presentaría candidaturas propias véndose obrigado a entrar nas de Sumar.
Sería moi fácil culpar en exclusiva, forma parte do relato oficial, aos dirixentes de Podemos da desfeita sufrida por esta organización. Non sería unha análise xusto e correcto. O brutal acoso (político, xudicial, policial, mediático) a que foi sometida esta organización, a rapidez con que se produciron os cambios na política española, a insolidariedade dos aliados mais achegados (Izquierda Unida) tamén desempeñaron o seu papel. En relación con esta insolidariedade compre sinalar que os damnificados por esta desfeita van mais aló de Podemos empezando polos antigos socios (Sumar sacou 31 deputados, unha cifra inferior a mais baixa de Podemos que fora de 35) e rematando polas propias esquerdas o que afectará ao  novo goberno de quenda (PSOE/Sumar) que con toda seguridade rebaixará o seu perfil reformista. Si hai damnificados tamén hai beneficiados que non son outras que as dereitas extremas quen nestas eleccións xerais últimas estiveron as portas de formar goberno.  


A pesar de todo non se pode asegurar que Podemos estea morto e enterrado. O tempo confirmará, ou desmentirá, este vaticinio meu pero o seu espazo electoral segue baleiro.
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE