O chamado PROCESS, unha chapuza política de enormes dimensións, tivera o seu punto culminante no ano 2017, e máis exactamente o 1 de outubro cando os cataláns son chamados pola Generalitat a votar un referendo que carecía de calquera signo de legalidade. Unha acción á que o goberno central (presidido neses intres por Mariano Rajoy do Partido Popular) responde cunha inusitada violencia enviando forzas e corpos de seguridade do estado a Cataluña co obxectivo de impedir a celebración do citado referendo. Unha decisión gobernamental que provocaría escenas de grande violencia nas rúas e moita tensión na sociedade catalá pero que realmente impide a celebración do citado referendo.
A pesares de que os resultados ofrecidos polas autoridades catalás carecían da máis mínima credibilidade democrática o 27 de outubro, a Generalitat de Catalunya presidida polo señor Puigdemont, en base ao argumento de que o resultado do referendo dera o si á Republica, declaraba unilateralmente a independencia (DUI). Acto ao que o goberno central resposta aplicando o artigo 155 da Constitución polo que as actividades tanto do goberno catalán como do Parlament quedaban suspendidas. Asistíase así tanto á culminación dunha chapuza política, un auténtico disparate por parte das autoridades catalás como a algo parecido a un golpe de estado por parte do goberno español (PP) a través do Tribunal Constitucional —unha “coacción federal”— que levou a Cataluña a un canellón sen saída (JAVIER PEREZ ROYO. Catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Sevilla).
Días máis tarde varios membros do goberno catalán son enviados a prisión baixo a acusación de terse saltado a legalidade (outros foxen ao estranxeiro onde piden asilo político). O cumio da barbaridade política e xudicial terá lugar o 14 de outubro cando o Tribunal Supremo dita sentencia contra aqueles acusándoos dos delitos de sedición, desobediencia e malversación de fondos públicos. Unha sentencia que recibiría un rechazo e unha crítica practicamente unánime tanto dos tribunais europeos como dos organismos internacionais, públicos e privados, defensores dos dereitos humanos (ONU, Consello de Europa, AI, HRW).
Este é o marco no que hai que encadrar a solicitude de amnistía feita, en nome de Junts per Cat, polo señor Puigdemont ao PSOE e Sumar como condición imprescindible para apoiar a investidura do señor Pedro Sánchez como Presidente de Goberno. Sin ter en conta estes precedentes non se pode facer unha avaliación correcta de tal solicitude e sería actuar como moitos medios de comunicación e opinión e tamén de relevantes persoeiros políticos (como, por caso, os señores Abascal, Feijoo, González, Guerra, Aznar...) que non teñen reparos en ocultar ou terxiversar os feitos sucedidos para xustificar a súa oposición a dita solicitude.
Un marco no que é visible que dende outubro do 2017 hai unha ferida aberta entre Catalunya e España. Unha ferida que polo ben da democracia e a convivencia pacífica entre os pobos de España debe pecharse para o que so cabe a negociación e o pacto o que supón abandonar definitivamente a vía xudicial e entrar na vía política que nunca se debeu abandonar. Unha vía que ten como terreo de partida o marco constitucional algo que tanto JxCat como ERC, segundo nisto a vía do PNV, aceptan. Unha aceptación que supón que estamos diante dunha oportunidade histórica, que interpela tamén aos independentistas cataláns, para sentar as bases dun novo enfoque político e incluso constitucional que nos leve a cotas de autonomía e solidariedade que garanten a convivencia democrática. A Amnistía se nos presenta, nestes intres, como un instrumento indispensable, útil e necesario para evitar que se repitan os erros do pasado e reparalos (JOSE ANTONIO MARTIN PALLIN. Avogado. Comisionado da Comisión Internacional de Xuristas [Xenebra]). A pesar diso, os soberanistas cataláns non deberan condicionar o seu voto de investidura á aprobación previa de Amnistía pois colocaría a esta nun escenario de confrontación que so favorece ás dereitas extremas: é necesario un debate profundo e sosegado.
Escribe o teu comentario