Algunhas lecturas rápidas das últimas eleccións

Manoel Barbeitos
Economista

“Se a esquerda non é quen de construír unidades 
non poderá defendelos intereses dos postergados” (José Mujica)
 

Dado o escaso tempo transcorrido resulta imposible facer un balance axeitado do resultado das eleccións celebradas este domingo. Así, e por caso, non coñecemos como será a composición  definitiva dos distintos gobernos locais e autonómicos que nos dirán como queda realmente o escenario político galego e español. A pesar diso, algunhas tendencias e resultados parecen bastante claros como, por caso, para concluír que estamos diante dunha vitoria contundente das dereitas españolas (#PP/VOX).

 

Quero comezar recoñecendo que non me esperaba estes resultados. Por caso, que o partido máis corrupto de Europa (#PP), que ademais conta cunha dirección enormemente mediocre (Feijóo, Ayuso), logre resultados tan espectaculares. Como tampouco que os partidos (#PSOE, UP) que dirixen o goberno español que máis leva feito polas maiorías sociais na historia da democracia reciban tal castigo. En fin, parece que para non poucos cidadáns teñen máis importancia as liortas entre os partidos que gobernan (normais en todas as democracias) que, por caso, a subida do SMI, das pensións, das axudas aos máis desfavorecidos, etc. 

 

Hai un dato que a este que escribe parécelle moi preocupante pero do que apenas se fala: a baixa participación (63%: a cuarta máis baixa da democracia). Diráseme que foi lixeiramente superior á das anteriores eleccións municipais, pero digo que segue sendo moi baixa. Unha participación que contribúe de forma importante a que os concellos en España, e en Galicia, excepto os casos máis relevantes, sigan mantendo un perfil político moi baixo, o que consolida vellos déficits democráticos.

 

En relación ás tendencias parece evidente que os resultados apuntan a que España se quere sumar á corrente maioritaria en Europea de ascenso das dereitas extremas, das forzas totalitarias. Unhas dereitas (#PP/VOX) que tiveron un espectacular incremento de votos (superior aos dous millóns) pero que na gran maioría dos casos para gobernar terán agora que pactar entre elas.

 

Un fortalecemento que vai en claro prexuízo do goberno español de quenda (#PSOE/UP) que perde bastantes plumas nestas eleccións municipais e autonómicas. Como é posible que o goberno que máis leva feito polas maiorías reciba este castigo? As razóns do mal resultado poden ser varias e que cada quen as ordene como queira. Resulta indiscutible que a brutal ofensiva que desde o primeiro día de goberno puxeron en marcha as dereitas españolas (políticas, económicas, xudiciais e mediáticas) contra este goberno e moi especialmente contra o partido minoritario (UP) está a dar os seus froitos. Un goberno que tivo que traballar nunhas condicións sumarísimas (pandemia da COVID-19, guerra en Ucraína, crise inflacionista) que afectaron psicolóxica e materialmente a non poucos cidadáns e que ao propio goberno condicionoulle nas súas políticas. Neste marco, e como xa escribira, os partidos do goberno mostraron, coas súas liortas públicas, unha imaxe de división e inmadurez que a moitos votantes non lles gusta e que por tal razón castigan. Finalmente está o factor anteriormente sinalado: a fortísima corrente conservadora, totalitaria, que invade a Occidente e que agora tamén afecto a España. Velaí o gran ascenso de VOX. Neste contexto aparece como moi claro que o PSOE, e en especial o seu secretario xeral Pedro Sánchez, equivocou a estratexia ao converter estas eleccións nunha sorte de plebiscito sobre o goberno de quenda. Un plebiscito que perdeu claramente. Tamén aparece como bastante claro que os partidos do goberno español (#PSOE/UP) perderon “a batalla polo relato” nun momento histórico en que o chamado “capitalismo da vixilancia” xoga un papel crave nas decisións dos cidadáns.

 

Para finalizar: pódense considerar estas eleccións unhas primarias de face ás eleccións xerais? Mentres escribo este artigo veño de informarme de que o presidente do goberno, o señor Pedro Sánchez, anuncia que adianta as eleccións xerais para o 23 de xullo, dentro de practicamente dous meses. Unha opción arriscada que parece apuntar a evitar males maiores como, por caso, que hai moitas probabilidades de que a situación económica en toda Europa empeore e con ela as probabilidades de repetir a actual maioría sexan aínda menores ao perder unha das súas grandes bazas: a mellora da economía. Unha opción que seguramente non favorecerá ao seu socio de goberno (UP) pero que poida que tamén estea pensada en clave interna (evitar que no interior do PSOE cheguen a explotar os posibles descontentos cun resultado que deixou a non poucos baróns descabalgados). Seguramente que tamén influíu a evidencia de que ás dereitas españolas (#PP/VOX), ante o seu triunfo electoral, aproveitarán para pedir eleccións anticipadas e Pedro Sánchez queira así adiantarlles e quitarlles esa baza.

 

Seguimos en campaña electoral.


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE