Eleccións municipais e partitocracia

Manoel Barbeitos
Economista

Cando apenas faltan dous meses para que se celebren as eleccións municipais (28 de maio) xa se empeza a albiscar o enfoque que cada partido político quérelle dar á súa campaña electoral. Un enfoque maioritario en clave eleccións xerais que pon en evidencia como os intereses partidistas priman sobre os programáticos e políticos que deberían derivar dunhas eleccións tan importantes. Un enfoque ao que colaboran a maioría dos medios de opinión e información máis interesados na batalla partidista que nos problemas dos concellos e as posibles alternativas das candidaturas. Sendo xustos, hai que sinalar que o BNG, por medio do seu portavoz, a señora Ana Pontón, é quen máis tenta darlle aos seus discursos unha clave municipal. Son as miserias da partitocracia que alaga toda a vida política.

 

Está fóra de discusión que os concellos galegos aínda seguen escondendo unha serie de déficits que tanto lle impiden, por caso, realizar con eficacia as súas funcións e deberes como contribuír a consolidar a democracia e o benestar social neste país. Un papel destacado que os concellos si desempeñan, por caso, en estados europeos con democracias consolidadas no que actúan en materias tan relevantes como urbanismo e vivenda, transporte, medio ambiente, benestar e emprego... 

 

Actuacións que lles resultan posibles porque gozan dunha importante soberanía que se apoia nun relevante peso das facendas locais no total do gasto público estatal, sendo paradigmático o "modelo escandinavo" onde, por caso, combínanse os ingresos tributarios cunhas transferencias de carácter nivelador. Unha realidade que lles outorga varias vantaxes: unha maior autonomía e independencia políticas xunto a un maior e mellor desarollo das funcións de benestar social e emprego. Unha opción necesaria para España, e Galicia, pero que, como estamos a comprobar, queda fóra do debate político: todos parecen optar por manter o modelo actual de financiamento dos concellos -cun gran peso das transferencias- que favorece o clientelismo e a irresponsabilidade no gasto. Unha reforma que, para que en Galicia sexa eficaz, precisaría de acompañar dunha modificación da actual planta municipal para superar as limitacións do actual minifundismo territorial e fiscal.  

 

Tamén está a quedar fóra do debate o estratéxico papel que os concellos deberían desempeñar na defensa e conservación da contorna natural e físico que lles é consubstancial e cuxa protección é vital para frear a crise ecolóxica que soportamos. Unha defensa que inclúa políticas de urbanismo, vivenda, transporte e residuos que  poñan límites ao actual modelo productivista que esgota os recursos naturais, deteriora o medioambiente e achega poucas melloras na calidade de vida dos cidadáns e cidadás. Por caso, Galicia non pode volver caer na tolemia inmobiliaria nin de obras públicas de hai unhas décadas que chegaron ao paroxismo sen por iso resolver o problema da vivenda pero si provocando graves problemas ecolóxicos polo consumo de materiais, os movementos de terra e a xeración de residuos que esixen esas actividades. Graves problemas ecolóxicos aos que houbo que engadir os derivados dun modelo construtivo e urbanístico que, con honrosas excepcións, tivo un impacto brutal no territorio galego -tanto na costa como no interior-: o chamado, con razón, "feísmo".

 

Finalmente, os concellos galegos deben ser proactivos na creación de país. Algo que require, por caso, defender e promover con firmeza a lingua e a cultura galegas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE