Sindicatos, emprego e estado de benestar

Manoel Barbeitos
Economista


A experiencia europea posterior á II Guerra Mundial puxo en evidencia que naqueles estados nos que se avanzou decididamente na construción do estado de benestar foi fundamental a presenza dos sindicatos. Gran Bretaña, países escandinavos, Alemaña, Francia...mostraron que o bo entendemento e a negociación entre gobernos de esquerdas e sindicatos facilitou que se puxesen en marcha políticas públicas dirixidas a incrementar o gasto en funcións de benestar talles como sanidade, ensino, vellez, infancia, desemprego…que, por outra banda, ademais de crear moito emprego, facilitaron o crecemento económico e o benestar social que axudaron a que estes estados se fixesen fortes á vez que máis igualitarios. Uns estados nos que a presenza de movementos sindicais potentes contribuíu decisivamente a que se desen leccións de solidariedade e conciencia de clase.

 

En Europa o período que se coñece como "os trinta anos gloriosos 1946-1976",  cando se combinaron o crecemento económico coa creación intensiva de emprego, a mellora do benestar, a redución da desigualdade, non fose posible sen a colaboración entre os gobernos e os sindicatos. En sentido contrario, a revolución conservadora, na década do oitenta, que iniciara Margaret Thatcher en Gran Bretaña (1979), pero que continuaron tanto dirixentes conservadores (Helmut Kohl, Giscard d´Estang..) como socialliberales (Bettino Craxi, Tony Blair, Gerhard Schröder...) puxo o foco da acción política no endeblecimiento dos sindicatos para así poder aplicar con maior eficacia políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e desmantelamento do estado benestar. Un enfraquecemento sindical que contribuíu decisivamente a que se acelerase o crecemento do desemprego.

 

Unha das columnas centrais do estado de benestar son as pensións públicas tanto polo peso do gasto público que supoñen -o máis elevado entre as transferencias- como polo amplo número de colectivos que se benefician -maiores, viúvos e viúvas, dependentes, discapacitados, novos...-. Por tales razóns son, sen xénero de dúbidas, un alicerce fundamental na loita contra a pobreza e a favor da igualdade, algo que as clases populares teñen moi claro, velaí a súa férrea defensa. Son tamén unha variable que contribúe de forma importante ao crecemento económico a causa do impulso que lle dan a demanda interna. En sentido contrario, as pensións son tamén constante obxecto de ataques tanto polas forzas políticas conservadoras e os seus medios, como polas entidades financeiras -bancos, mutuas, fondos de investimento- que ven nelas tanto un escudo social que anima a capacidade de resistencia das rendas baixas como un nicho de mercado moi zumarento. Choque de intereses que con frecuencia se reflicte, como por caso estamos a ver hoxe en Francia, en duras e longas batallas.  

 

Neste marco o acordo recentemente asinado entre o Goberno español de quenda (#PSOE/UP) e as organizacións sindicais maioritarias (#UXT/CC.OO.) no marco da reforma das pensións públicas é altamente positivo porque, ademais das razóns sinaladas, danse outras tamén moi relevantes. Así, a firma deste acordo é un recoñecemento por ambas as partes tanto duns dereitos sociais canto dos beneficios que para toda unha sociedade suponlle a cobertura universal das necesidades básicas. Tamén supón, dados os déficits sociais que esconde España, un importante avance á súa equiparación cos estados europeos con maior nivel de benestar. Finalmente é oportuno sinalar que o seu achegue ao crecemento económico e a creación de emprego será notorio.

 

Pola súa banda, os sindicatos volven demostrar que, neste momento, seguen sendo imprescindibles nunha sociedade plural e democrática que procura o benestar xeral. Mágoa que a burocracia empresarial española non entenda o mesmo e, por razóns estritamente partidistas, non sexa quen de estar á altura que lle corresponde.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE