En Galicia non cabe esperar grandes cambios

Manoel Barbeitos
Economista

"O PP cumpriu cos galegos e coas galegas" 

Paula Prado, Secretaria xeral do Partido Popular  de Galicia


 

Os sinais que recibimos nestas primeiras semanas do novo ano 2023, e sen que entre en contradición coas incertezas apuntadas no anterior artigo, apuntan a que en Galicia, a curto e medio prazo, non se van a producir grandes cambios políticos, polo que tampouco cabe esperar grandes sorpresas.

Desde un punto de vista puramente partidista resulta comprensible que o PPdeG, dada a cómoda maioría parlamentaria da que vén gozando -avalada por un apoio sempre superior aos 650.000 votos-, non queira cambiar o rumbo. Non haberá, por tanto, cambios nunha senda marcada por unha continuada perda de poboación, un emprego escaso e precario, uns servizos públicos moi deficitarios, unha crecente deterioración do medioambiente, unha turistización da actividade económica en prexuízo da produtiva e unha perda de poboación galego falante.

 

Neste marco tan negativo -aí están as estatísticas e as evidencias empíricas para confirmalo-, provocado polas políticas públicas do Goberno galego de quenda (#PP), como explicar ese apoio popular tan elevado e constante? Un continuado apoio popular que só declinou no ano 2005 cando, despois de 16 anos de gobernos presididos polo señor Fraga, o Partido Popular de Galicia perdía a maioría absoluta. Unha perda á que contribuíron decisivamente tanto a imaxe de deterioración física que presentaba o líder dese partido como moi especialmente a gran mobilización social ("Nunca Máis") que, con motivo do desastre do Prestige, quixo mostrar o seu rexeitamento tanto á incompetencia dos gobernos español e galego -ambos en mans do Partido Popular- á hora de xestionar a crise e evitar o demoledor impacto ambiental sobre a costa galega das verteduras do petróleo como á actitude soberbia e despectiva dos gobernantes.

 

Unha mobilización social que foi quen de levar a vitoria ás esquerdas que cun apoio superior aos 850.000 votos (#PSOE. 555.603, BNG: 311.954) puideron superar, por primeira vez na historia da autonomía galega, a unhas dereitas que, no seu peor momento, chegaron aos 750.000 votos, confirmando así que seguían mantendo un elevado apoio popular. Un apoio que nas eleccións seguintes (2009) permitiríalles recuperar a Presidencia da Xunta, agora co señor Feijóo á fronte do PPdeG. Un partido que volvía confirmar a continuidade dun gran apoio social (789.500 votos) mentres as esquerdas perdían parte do gando: PSOE (524.500 votos: 31.000 menos), BNG (270.700 votos: 40.000 menos).

 

Varías lecturas quedaron daqueles resultados, pero que seguen sendo válidas hoxe en día a pesar do tempo transcorrido. Lecturas necesarias para as esquerdas (#BNG, PSdeG-#PSOE, UP) se queren chegar ás próximas eleccións autonómicas -que están fixadas para xullo do 2023 pero que poden celebrar moito antes- con auténticas posibilidades de gobernar.  A primeira é a de que deben conseguir mobilizar á sociedade galega ao redor dos problemas que realmente lle afectan ás maiorías: a excesiva burocratización dos partidos  políticos lamina a súa capacidade movilizadora. Unha mobilización que demanda unidade de acción: unha unidade que o peso dos intereses partidarios impide ao primar lóitaa partidista e sectaria. Unha unidade de acción onde os movementos sindicais e sociais -a maioría social- sexan auténticos protagonistas -velaí o exemplo de "Nunca Máis"-. Unha unidade de acción ao redor dunha novo paradigma -que tamén o movemento "Nunca Máis" puxo en evidencia-.

 

En relación a este último sinalar que non debera ser difícil que os partidos de esquerdas coincidiran en temas como soberanía, ecoeconomía, benestar, igualdade, identidade lingüística… Asuntos que si supoñen unha novo paradigma.


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE