A nivel político o ano 2023 preséntase cheo de incertezas pero tamén con algunhas evidencias. Entre estas últimas está a evidencia, a nivel internacional, de que a guerra en Ucraína non vai ter unha solución fácil nin inmediata. Todo apunta a que estamos ante un conflito que se enquista e que vai deixar un país (Ucraína) con non poucas partes do seu territorio totalmente arrasadas e unha poboación moi golpeada pola fame e a miseria. Un conflito do que Rusia sairá moi debilitada pero tamén unha Unión Europea diminuída politicamente e aínda máis dependente do imperio USA. Sumémoslle a esta crise os efectos dunha pandemia aínda non superada definitivamente e teremos un panorama internacional preocupante que seguirá condicionando negativamente o escenario político e económico de Europa e, por tanto, de España e Galicia.
En relación a estas últimas entre as incertezas políticas destacan loxicamente as relativas ás convocatorias electorais que deberán celebrar neste ano 2023: as eleccións locais e autonómicas de maio e as eleccións xerais de novembro -neste caso se non hai un adianto-. Difícil avanzar un vaticinio para calquera das tres, pero, a pesar diso, parece evidente que entramos nun ano cunha moi longa e prolongada campaña electoral pero na que os resultados finais aparecen, a estas alturas, como moi incertos en non poucos casos.
A pesar destas incertezas si podemos avanzar algunhas evidencias como que tanto as eleccións municipais como as autonómicas serán enfrontadas de forma diferente polos respectivos partidos segundo estean na oposición ou no goberno nas autonomías e no Estado. Así é, por caso, resulta fácil adiviñar que o Partido Popular (#PP) tentará darlle ás eleccións locais o carácter dun plebiscito ao goberno español de quenda (#PSOE/UP), mentres estes partidos quererán que o escenario de confrontación non desborde o espazo local. O mesmo pasará na maioría das autonomías e así, por caso, en Galicia tanto o BNG como o PSdeG-#PSOE buscarán que as eleccións municipais galegas aparezan como un test ao goberno do Partido Popular (#PP), algo que estea rexeitará. Son os custos dunha partitocracia que dana ao poder municipal e a propia democracia facéndoos máis deficitarios.
Do que non cabe a menor dúbida é de que traerán novas incertezas, porque estas eleccións primeiras -locais e autonómicas- moverán non poucos marcos partidarios. Así, e por caso, cabe preguntar que pode pasar no Partido Popular (#PP) se a señora Ayuso repite maioría absoluta na Comunidade de Madrid: afianzarase ou se debilitará a posición do señor Núñez Feijóo como líder e candidato presidencial para as eleccións xerais? Unha pregunta parecida podía facer a nivel galego: se como parece probable o BNG non é quen de ter un crecemento espectacular nas eleccións municipais galegas (na actualidade conta con 425 concellarías e 30 alcaldías), cal será o futuro político da señora Pontón que aposta forte por unha maioría social que a conduza á presidencia da Xunta de Galicia? Correría perigo o seu liderado? Pregunta que tamén se pode trasladar ao PSOE en Galicia: se logo do golpe dos líderes municipalistas este partido non mantén o actual e poderoso poder municipal (con 111 alcaldías, 5 do sete grandes cidades, máis do 50% dos galegos e galegas están gobernados por un alcalde ou alcaldesa socialista), entrará o PSdeG-#PSOE nunha das súas crises recorrentes? As anteriores eleccións municipais supuxeron un gran retroceso das chamadas mareas municipalistas (50%): van ser as eleccións municipais deste ano o seu canto de cisne? Finalmente, como afectarán o futuro de Unidas Podemos?
Fronte a estas incertezas só cabe unha evidencia recorrente: entre o PSOE e o PP volverán sumar máis da metade dos representantes elixidos. O bipartidismo e a partitocracia teñen férreas bases constitucionais.
Escribe o teu comentario