Continúa o desmantelamento da sanidade pública en Galicia

Manoel Barbeitos
Economista

"Esta é a técnica privatizadora: cortar o orzamento para que as cousas non funcionen,

 a xente moléstese e úsese como escusa para pasalo a mans do 

capital privado" (Noam Chomsky)
 

A semana pasada foron noticia as mobilizacións de miles de galegos e galegas indignadas polo desmantelamento que da atención sanitaria pública está a facer o goberno galego de quenda (PPdeG). Un desmantelamento que si resulta indiscutible, velaí a xustificación das protestas, tamén hai que dicir que era previsible (https://gal.galiciapress.é/texto-diario/mostrar/1275826/programada-derruba-do-sistema-sanitario-publico-galego)

 

Era previsible que, unha vez recuperado o goberno da Xunta (2009). o Partido Popular de Galicia, antes con A. N. Feijóo e agora con A. Roda á fronte, segundo o guion marcado tanto pola ideoloxía neoliberal como pola defensa dos intereses de bancos, fondos de investimento, mutuas e industrias farmacéuticas poría en marcha políticas destinadas a desmantelar a atención sanitaria pública. Un desmantelamento que se acompaña dunha crecente presenza da iniciativa privada, quen vai substituíndo progresivamente ao sector público especialmente naquelas actividades sanitarias que lle resultan máis rendibles ao capital. Unha estratexia neoliberal que ten a súa confirmación na evidencia empírica de que Galicia é, neste momento, unha das comunidades autónomas con maior presenza da actividade privada na atención sanitaria: 31,3% fronte a media española do 28,5%.

 

Esta crecente presenza da iniciativa privada leva a que se cambien os obxectivos sanitarios pasando a ocupar un lugar preferente a procura da máxima ganancia -lóxica natural do capitalismo- que vén substituír ao da procura da saúde e o benestar dos pacientes, o que inevitablemente conduce a unha crecente deterioración de calidade na atención sanitaria. En termos macroeconómicos a oferta substitúe á demanda.

 

Unha máxima ganancia que se espera conseguir por varías vías. En primeiro lugar, e con carácter xeral, procédese a reducir o gasto sanitario público -entre un 15% e un 18% en termos reais- que xa era deficitario. A continuación, poténciase o hospitocentrismo -que consiste en converter aos hospitais clínicos no centro preferente e case único da actividade sanitaria-. Privatízanse actividades hospitalarias e finalmente prímanse os tratamentos farmacolóxicos sobre os demais. Como veremos cada unha destas decisións beneficia a un ou varios sectores do capital anteriormente citados como axentes nesta estratexia.

 

A redución do gasto sanitario, eufemísticamente denominado axuste fiscal, tradúcese de maneira preferente nunha redución do persoal -14%- e unha precarización das condicións laborais -30%-. Medidas que afectan tanto aos traballadores como aos pacientes  xa que repercuten na calidade da actividade asistencial: menos persoal, máis horas de traballo pero menos de atención individual, maior inseguridade laboral...

 

potenciación do hospitocentrismo, ademais de conducir á construción de grandes centros hospitalarios -algúns faraónicos con instalacións e maquinarias custosísimas pero non necesarias- para beneficio de bancos e grandes construtoras, supón tamén entregar, mediante concertos, parcelas da actividade hospitalaria a iniciativa privada seguindo un triplo guion. En primeiro lugar privatízanse os servizos básicos -alimentación, lavandaría, limpeza, mantemento, comunicación...- nos que se garanta a ganancia por medio tanto da precarización dos empregos como da rebaixa de calidade no servizo. En segundo lugar, dáse entrada ao capital privado -preferentemente mutuas e fondos de investimento- en actividades que permiten tanto unha ampla marxe de ganancia -radioloxía, laboratorios, oncoloxía, plástica, cardiología...- como un control de datos da pacientes -admisión, historial clínico...-. Finalmente, concértanse con hospitais privados atencións que non supoñen para estes un excesivo gasto -por caso, a cirurxía ambulatoria- deixando para a atención pública os enfermos graves e cos tratamentos máis custosos. A entrada dos fondos de investimento fai que, en non poucos casos, a saúde dos pacientes convértase nun título que cotiza en bolsa.

 

Esta potenciación dos centros hospitalarios tamén vai paralela ao progresivo desmantelamento da atención primaria -por non ser rendible para o capital privado-. Utilizando como pretexto tanto a carencia de pacientes como o elevado custo desta atención se procede ben a redución de persoal -especialmente médico: con ausencia de pediatras, amortización de prazas e supresión de xerencias- ben a peches de consultorios. Unha estratexia que en comunidades, como sucede con Galicia, onde se dá unha moi elevada dispersión da poboación, un gran peso do rural e un elevado envellecemento poboacional ten consecuencias dramáticas para os enfermos. Tamén para os propios hospitais que en época punta ven saturados e incapaces de cubrir a demanda de atención.

 

Todas estas medidas provocan un enorme déficit na atención aos pacientes que se busca substituír con tratamentos farmacéuticos, velaí que, para gran beneficio da industria respectiva, o gasto público en fármacos dispárese: Galicia -18,9%- está entre as comunidades con maior gasto farmacéutico de España -16,9% de media-.

 

Como resultado destas estratexias as evidencias ensínannos que alá onde se aplican, como sucede en Galicia, deterióranse enormemente o benestar e a calidade de vida dos cidadáns de rendas medias e baixas, empeora o estado de saúde, aparecen doenzas que se crían superadas e baixa a idade media de vida.


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE