A esquerda e a Guerra en Ucraína

Manoel Barbeitos
Economista

Unha derrota militar de Rusia faría crecer neste país os sentimentos de orgullo e resentimento, o que sería moi perigoso: os europeos non debemos esquecer o que pasou en Alemaña tras a Primeira Guerra Mundial, sobre todo cando, como neste caso, trátase dunha potencia nuclear. 

 

Logo de case 10 meses de guerra en Ucraína xa se pode dicir que o conflito sumou as esquerdas europeas nunha grande confusión: que posición, que postura adoptar?. A resposta, reflectida nos distintos posicionamentos é bastante desmoralizadora. Unha resposta que non parece en calquera dos casos prestar a  necesaria atención ó indiscutible risco de guerra nuclear que esta invasión supón.

 

Por unha parte están os que ven a guerra en Ucraína coas vellas lentes da coase desaparecida esquerda comunista, de aquela que miraba a Rusia como a "nae Rusia" que nos protexía do Imperio estadounidense. Unhas esquerdas, minoritarias todo hai que dicilo, que de entrada parecen ignorar as evidencias de que a invasión é un crime de guerra que atenta contra o dereito internacional e que está provocando un inmenso dor e sufrimento a millóns de familias ucraínas que son INOCENTES. Que a invasión é un acto de guerra e non de paz que responde a un obxectivo imperialista -a anexión de Ucraína a Rusia- que trae a memoria o sucedido en Polonia (1956), Hungría (1956) e Checoslovaquia (1968) cando as tropas do Pacto de Varsovia puxeron fin os anhelos democráticos de estes países forzando, pola vía militar, a súa pertenza ao Imperio soviético. Un obxectivo que, de novo, responde a un nacionalismo panruso reaccionario e criminal que ningunha esquerda debería apoiar. Un nacionalismo que, non por casualidade, atopa amigos entre a extrema dereita europea.

 

A posición maioritaria -OTAN, Estados Unidos, Union Europa- ten optado por situala guerra nun conflito provocado unilateralmente por un ditador, o sátrapa do Kremlin, ao que comparan con ditadores anteriores cos que occidente se enfrontou -Milosevic, Husseín, Gadaffi- ou se  segue enfrontando -Ashad-. Que incluso chega a comparar a Vladimir Putin con Hitler, Mussolini, Pol Pot... e que, en consecuencia, defende que a única solución que cabe é a derrota total do inimigo. Unha derrota que din necesaria para preservala democracia e a liberdade. Unha posición que, por caso, non fai referencia algunha aos últimos, e provocadores, planes expansionistas da OTAN en Europa oriental, rompendo promesas anteriores feitas aos dirixentes rusos, e a súa posible influencia na invasión para centrarse exclusivamente na visión do "inimigo" como unha forza do mal. Unha posición que voluntariamente esquece o que no seu día pasou coa chamada crise dos missiles de Cuba (1962) cando, como sucede agora, a humanidade estivo a piques de entrar na III guerra mundial. Unha posición que, política e militarmente, busca que os Estados Unidos recuperen a hexemonía no mundo, algo que estaban perdendo.

 

Como se pode facilmente ver volvemos a lóxica da "guerra fría". Unha lóxica, que se viu facilitada pola criminal acción rusa, que crea un escenario belicista, profusamente alimentado pola maioría de medios de comunicación e opinión europeos, no que resulta extremadamente difícil atopar un oco para facer ouvir a petición dunha lóxica distinta. Dunha lóxica que rexeite o militarismo e aposte pola paz o que implica primar a diplomacia sobre a guerra. Unha lóxica que as esquerdas europeas, todas elas, debían apoiar pois a outra lóxica, a que defende unha solución militar, non terá un resultado feliz sexa cal sexa o final desta guerra.

 

Pensemos un pouco: a onde nos levaría unha derrota militar de Rusia?, a onde a súa vitoria?. Pensémolo como europeos. Unha derrota militar de Rusía faría medrar neste país os sentimentos de aldraxe e resentimento o que sería moi perigoso: os europeos non debéramos esquecer o sucedido en Alamana logo da primeira guerra mundial e mais cando, como neste caso, se trata dunha potencia nuclear. Unha vitoria tanto reforzaría o sentimento panruso, autoritario e reaccionario, como o temor nos estados limítrofes a que Rusia queira continuar coa súa política imperialista de ampliación de fronteiras. En calquera dos casos o futuro para Europa aparece como moi negro e marcado pola escalada nuclear. 
 

Por outra parte e como estamos vendo a prolongación de esta guerra xa ten conseguido que se disparen en toda a Unión Europea os gastos públicos en armamento en prexuízo doutros mais necesarios -emprego, funcións de benestar, crise climática...-. Asemade hai que sumarlle a evidencia da crecente submisión de Europa a estratexia da OTAN que é o mesmo que dicir dos Estados Unidos. Unha situación que alonxa cada día mais a posibilidade dunha Europa autónoma, con unha política exterior e de defensa propias. As esquerdas que apoian a guerra deberan pensar nos custos presentes e futuros destas renuncias.

 

Neste marco o conxunto das esquerdas, tanto as que apoian a estratexia otanista como as prorusas e as indecisas, deberan tamén pensar se non é posible e desexable un camiño distinto do trazado. Si non é posible defender a independencia de Ucraína, a que ten todo o dereito, sen que supoña a derrota de Rusia e tampouco a submisión de Europa aos Estados Unidos. Un camiño que require o uso da diplomacia e a non aliñación con algunha das dúas potencias (Estados Unidos, Rusia): é que xa esquecemos o que iso supuxo para Europa?. 

 

Estas esquerdas deberan pensar que a diplomacia é tamén o mellor camiño para Ucraína que é quen está poñendo os mortos.


 

El Alto Representante de la UE Josep Borrell Firma  David Zorrakino   Europa Press
O Alto Representante da UE Josep Borrell David Zorrakino   Europa Press

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE