Non todos os paros están xustificados nin son lexítimos

Manoel Barbeitos
Economista

"Os  sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios. A súa creación e o exercicio das súas actividades son libres dentro do respecto á Constitución e a lei" (Art. 7.1. Constitución Española)



 

Ante a convocatoria dun paro indefinido pola Plataforma Nacional en Defensa do Sector de Transporte, e vistos os modos e as formas das súas convocadores, é difícil evitar lembrar, por caso, do sucedido recentemente en Brasil cando, unha vez confirmada a vitoria de Luiz Inácio Lula dá Silva nas eleccións presidenciais, un grupo de camioneiros, ademais de bloquear estradas por todo o país, tentando provocar un paro nacional, reclamáronlle ás forzas armadas un golpe militar que puxese fin a democracia no Brasil. Haberá tamén quen non poida evitar a tentación de retroceder varias décadas e lembrar como en Chile, 1973, unha folga de camioneiros foi o preludio dun terriblemente cruento golpe militar que liderado polo fascista Augusto Pinochet abriu a porta a un réxime de terror dabondo coñecido. Referencias que veñen ao caso porque esta folga de camioneiros levanta moi fundadas sospeitas sobre as súas reais intencións.

 

Sospeitas que nacen tanto dos propios convocadores como dos seus apoios. A citada Plataforma Nacional en Defensa do Sector Transporte, creada no ano 2007, carece actualmente de representación no Comité Nacional de Transportes por Estrada (CNTC) -que representa o 80% da flota española- quen, pola súa banda, afirma que o paro convocado por aquela non é unha folga dos traballadores senón un "paro patronal". Unha convocatoria que a maioría das asociacións do ramo non apoian, o que pon en moi serias dúbidas tanto a representatividade que a citada Plataforma como a cobertura legal do paro convocado, pero que si conta co apoio de organizacións políticas totalitarias como é o caso de VOX -"CC.OO. e #UXT mirarán para outro lado, nós estaremos cos miles de camioneiros que cada día saen a pelexar polo seu futuro"- un dato que pon ás claras os obxectivos últimos deste paro e que, por caso, xustifican a referencia inicial ao sucedido en Brasil recentemente e en Chile moito antes.

 

Sospeitas que se amplían cando se coñecen lvos argumentos para a súa convocatoria. Non hai dúbidas de que o sector do transporte esconde moi graves problemas tanto de carácter estrutural -por caso, as condicións laborais dos condutores- como conxunturais -a descontrolada subida dos combustibles, o incumprimento por parte dos cargadores da legalidade actualmente vixente, a falta de inspeccións-. Pero fronte a esta realidade incuestionable hai que pensar si dada a difícil conxuntura actual a nivel xeral é razoable convocar un paro indefinido -a propia CETM (Confederación Nacional de Transporte de Mercadorías) afirma que non porque só servirá para desestabilizar aínda máis unha situación xa de #si moi complicada pola guerra en Ucraína- e se este paro, unha medida de último recurso, é o instrumento idóneo -algo que de novo nega a CETM, quen afirma que non están claros os obxectivos do paro indefinido-. Non estamos, por tanto, diante de argumentos sindicais, senón claramente políticos dirixidos a provocar unha desestabilización da situación que debilite ao actual goberno de quenda (#PSOE/UP).

 

Sospeitas, finalmente, cando se pensa na quen realmente beneficia e a quen prexudica. Parece claro que, polas razóns apuntadas, este paro non beneficia ao conxunto do sector do transporte, senón a unha organización política concreta que é totalitaria, pero si prexudica ao conxunto da sociedade e moi especialmente aos transportistas e traballadores do sector -e moi significativo, por caso, que a maioría de transportistas galegos non apoien o paro-, aos agricultores e gandeiros que terán problemas para distribuír os seus produtos e acceder aos seus insumos, e aos consumidores, pois un paro destas características de #materializar provocará desabastecementos e alzas nunha cesta da compra xa moi castigada pola elevada inflación.

 

Neste marco só cabe lamentar, como fan os representantes sindicais do sector, que o goberno á hora de negociar as necesarias medidas para resolver os múltiples problemas do transporte por estrada só tivera en conta a patronal do sector e non a todas as partes involucradas -institucións, empresas e traballadores-. Un erro político que favorece que broten iniciativas claramente desestabilizadoras como esta de a autodenominada Plataforma Nacional en Defensa do Sector de Transporte que ven apoiadas por organizacións totalitarias como, por caso, VOX, quen espera arrincar réditos políticos desta convocatoria.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE