Moito ruído e poucas noces

Manoel Barbeitos
Economista

“As principais funcións do Senado son a lexislativa, a orzamentaria e a do control do Goberno. Ademais actúa como cámara de representación territorial. Outras funcións relevantes son  as relacionadas coa autorización de determinados tratados e convenios internacionais e coa designación dos membros destes órganos”


A primeira pregunta que cabe facerse é se na sesión celebrada este pasado martes, 6 de setembro, o Senado español estivo á altura que lle cabe esixir a esta relevante Cámara. A resposta non pode ser, de ningunha maneira, afirmativa, nin sequera no seu papel de control do Goberno.


Non pode ser afirmativa por varias razóns. En primeiro lugar, porque o propio Regulamento impide un efectivo control ao conceder uns abusivos privilexios ao xefe do Goberno de quenda, quen conta cuns tempos ilimitados de intervención, ademais de dispoñer da intervención de peche do debate, fronte aos tempos limitados e moito menores dos seus adversarios. En segundo lugar, porque, a pesar dos esforzos do resto das forzas políticas presentes na Cámara, a sesión converteuse, para deleite de moitos faladoiros, nun “cara a cara” entre o xefe de Goberno (señor Sánchez) e o novo líder da oposición (señor Feijóo) no que os ataques persoais brillaron por encima das propostas políticas. 
 

Un “cara a cara” que presentou a un Pedro Sánchez ben armado coas indiscutibles accións de progreso que o seu goberno está a poñer en marcha –a pesar das fortes limitacións que impoñen a pandemia, a guerra en Ucraína e a inflación- e que benefician a un número cada vez maior e plural de cidadáns. Enfronte un Alberto Núñez Feijóo carente dun discurso alternativo e a quen a querenza polas mentiras e as trolas, ademais das malas formas -algo xa coñecido en Galicia- empeza a pasarlle factura e a deixalo en evidencia como estadista. Por tales razóns, se o debate reducímolo a ese “cara a cara”, non cabe outro veredicto que unha clara vitoria por puntos do actual presidente do Goberno, o señor Sánchez. 


Se ampliamos o foco, as conclusións son, loxicamente, algo distintas. A primeira, e que cada vez resulta mais evidente, que o futuro do actual Goberno de quenda (PSOE/UP), que nas eleccións xerais do 2023 (decembro) pasará o seu exame definitivo, dependerá moito da evolución de factores externos que marcan a conxuntura actual, non só en España, senón en toda Europa: a pandemia, a guerra en Ucraína e a inflación. Factores que sementan de incertezas o futuro dos gobernos en practicamente toda Europa como estamos a ver no discorrer interno de cada un deles.


Resulta indiscutible, a pesar diso, que outros factores tamén xogan como, por caso, a fráxil unidade do Goberno español de quenda (PSOE/UP) e o seu tamén fráxil relación cos partidos que apoiaron a moción de censura. Unidade e relación que pasarán unha dura proba nos meses próximos cunhas eleccións autonómicas e locais no horizonte.


A favor do actual Goberno xoga o que empeza a ser unha evidencia mais alá do Padornelo: que o principal partido da oposición (PP), a pesar dos botafumeiros da prensa subvencionada e as axudas das cavernas policial e xudicial, segue carecendo dun líder sólido e solvente.
Moitas son, por tanto, as incógnitas para resolver e moito o tempo que falta para a cita das eleccións xerais tal que quitan credibilidade a calquera vaticinio electoral, por moito que se empeñen no contrario os muxidores das enquisas electorais.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE