Por que non aman ás mulleres?

Manoel Barbeitos
Economista

“A súa maneira de ver a vida, propia de malcriadas que aspiran a chegar soas e bébedas, desprovistas de responsabilidades nin sequera diante das súas peores decisións, avergónzanos á maioría das mulleres que traballamos todos os días para sacar adiante ao noso país" (Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid).

 

A estas alturas xa deberían quedar poucas dúbidas de que ás dereitas españolas e galegas, moi especialmente aos seus representantes políticos (PP, VOX) e sociais (CEOE, Igrexa católica), prodúcelles urticaria que avancemos en dereitos e liberdades democráticas e tamén en igualdade. Estes días tivemos novas evidencias con motivo da súa oposición á aprobación polo Parlamento español da Lei Orgánica de Garantías da Liberdade Sexual, máis popularmente coñecida pola lei do "só si é si".

 

A primeira pregunta que cabería facerse, diante desta oposición presentada polas dereitas, sería a de que, se se trata dunha lei que nace para protexer ás mulleres, quen se sente ameazado por ela? Porque estamos diante dunha lei que dá un trato xudicial ás violacións cando antes só considerábanse naqueles casos nos que se producía con forza ou intimidación, o que finalmente forzaba a que fosen as mulleres quenes tiña que demostrar que se resistiron á violación. Unha lexislación que levaba a que en moitos casos as mulleres violadas pasaban de vítimas a acusadas, cando non a culpables. Aínda hoxe doe a alma lembrar aquela sentenza dun maxistrado exculpando aos violadores porque a vítima levaba a saia moi curta e non ofrecera a suficiente resistencia como, por caso... negándose a abrir as pernas.

 

Unha situación legal que viña provocando que, segundo datos oficiais, só o 8% das violacións denúncianse, o que significa que o 92% quedan sen denunciar e que no 38% das denuncias o violador sae absolto. Unha realidade que resulta máis devastadora cando se sabe que o 60% das violacións son a menores. Diante destas evidencias non debería sorprender que moitas das mulleres e menores violadas non se decidan finalmente a denunciar, tanto por pensar que non serve para nada canto por medo a ser estigmatizadas pola xustiza e pola sociedade.

 

Neste contexto, resulta moi positivo que a lei faga fincapé na educación sexual, porque só finalizaremos definitivamente con estes crimes cando a inmensa maioría da sociedade asumise que son intolerables, porque atentan contra as liberdades e os dereitos das mulleres e dos nenos e nenas.

 

Como moi ben sinalou a ministra de Igualdade, a señora Irene Montero, cando o Congreso deu a súa aprobación definitiva a esta lei "foi un día de vitoria despois de moitos de loita polas mulleres". Felicitarse tamén porque con esta lei España colócase na vangarda dos estados europeos na loita contra a violencia de xénero...a pesar da oposición das dereitas e os seus socios e altofalantes.

 

Nunca pode ser totalmente libre unha sociedade se as mulleres non o son. E unha muller non é libre se non pode decidir libremente, por caso, sobre as súas relacións sexuais, sobre cando e con quen quere telas.

 

 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE