O decreto de aforro enerxético, unha nova batalla co PP

Carmen P. Flores

Está claro que a solidariedade, o mesmo que a caridade, empeza por un mesmo. Iso é o que deben pensar os gobernantes - non todos- das comunidades autónomas ante a proposta do goberno central que preside o socialista Pedro Sánchez: o novo plan de aforro enerxético que entrará en vigor este mércores, 10 de agosto, e que terá unha duración ata novembro do 2023. Non é un capricho unilateral de Pedro Sánchez, senón unha decisión da Unión Europea, tomada en Bruxelas - invasión de Rusia a Ucraína- que pode traer consigo unha inflación e unha inseguridade crecente de que se consuman as ameazas insistentes de Putin de corte total de gas, que se está vivindo agora de maneira calculada polo aspirante a Tsar de todas as Rusias.


A proposta do 'goberno europeo', nun primeiro momento, era reducir o consumo nun 17 %. Pero España, Portugal e outros países que ata o momento fixeran os deberes negáronse en rotundo e finalmente, a aplicación será do 7%. Non é unha medida que guste, pero cando se forma parte de Europa, estase non só para aceptar os beneficios, senón aqueloutra parte na que non salga ben parado, e asumir a  solidariedade con outros países. Non é ese o fin? Pois o que toca agora, guste ou non: aceptar as decisións solidarias.


Que están a facer noutros países con este tema? Hai países que son máis vulnerables, pola súa gran dependencia de Rusia, como Alemaña, Francia e Italia. Nestes casos os seus plans serán moito máis agresivos que o resto. Francia está apunto de presentar o seu plan que segundo os especialistas cualifican como agresivo. Alemaña aínda non presentou a súa proposta, pero foi explicando algunhas medidas que seguramente se converterán en leis. Italia que segue en negociacións  con Alxeria para conseguir reducir o 40% da súa dependencia de Rusia, está apunto de explicar as súas medidas, aínda que lembrou que non serán draconianas. O resto de países seguen traballando nesta liña de redución marcada por Bruxelas.


Como España é diferente, as comunidades gobernadas polo PP máis algunha outra, poucas, por certo, puxeron o berro no ceo e a “revolta” encabezada pola presidenta da Comunidad de Madrid non se fixo esperar. Non quere cumprir co que chama “imposición de Sánchez”, e xa anunciou que presentará recurso porque invade competencias.


Mentres Feijoo, que facía uns días que estaba de acordo con o aforro enerxético, agora cala ante a postura da presidenta. Está a marcar Ayuso o camiño ao seu presidente? Está claro que a presidente madrileña está subida á parra e non está disposta a baixarse dela, nin sequera polo seu gran xefe que ata o momento deixoulle andar ás súas anchas. Ela que non ten límites, as liñas vermellas ignóraas sempre.


Mentres, o presidente Sánchez aproveita as súas vacacións en Canarias para facer política. Na súa comparecencia ante os medios de comunicación pediu ao conxunto das administracións públicas e ao Partido Popular "unidade, responsabilidade e solidariedade" co resto de países europeos para cumprir co real decreto. Cren que é posible facelo? Tal e como está o panorama, o máis seguro é que neste verán de lumes en case todo o territorio, o lume cruzado entre o goberno e o PP vai seguir producíndose máis se cabe. E iso que coa chegada de Feijoo parecía que o sentido común había aterrado en Xénova. Pois vai ser que non. A solidariedade debe pensar que empeza por un mesmo, e así van continuar como serpes de verán.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE