Feijóo na senda de Rajoy

Manoel Barbeitos
Economista

O último curso político finalizou deixando no escenario español una certa sensación de que o señor Núñez Feijóo na súa estratexia está a asemellarse cada vez máis á de o señor Rajoy. A razón desta afirmación apóiase na evidencia da súa crecente querenza polas trolas (fake-news) e as insidias como armas políticas contra o adversario, neste caso o goberno español de quenda (PSOE/UP). Unha querenza que, como sinalaba no anterior artigo resulta moi do agrado de non poucos medios de información e comunicación, maiormente daqueles que son coñecidos popularmente como "a caverna mediática".

 

Unha estratexia política que, cando menos, é de dubidoso éxito se temos en conta o sucedido co señor Rajoy, político que ten a triste honra de ser, a día de hoxe, o único que sendo presidente de o Goberno español foi cesado por mor dunha moción de censura parlamentaria. Derrota política á que contribuíron tanto os incontables casos de corrupción do seu partido (PP), nos que el mesmo aparece involucrado, canto o seu gran desprestixio popular por mor da súa constante querenza polas trolas (fake-news): segundo as enquisas do CIS Mariano Rajoy é, a día de hoxe, o único presidente que nunca alcanzou o aprobado, comezou a lexislatura nun 4,5 e finalizou o seu mandato nun 2,5.

 

Con estes antecedentes, seguir a senda rajoiana pode ser para o señor Feijoó un ir costa abaixo e sen freos. Que a súa insólita fama de "bo xestor" de paso á imaxe dun político insolvente e frívolo, o que sementaría unha peligrosísima, para el, desconfianza e inseguridade nas propias filas (PP) ao levantar vellas pantasmas (Rajoy, Casado...).

 

Unha estratexia política que provoca continuos e moi sonoros patinazos, como puidemos comprobar recentemente cando, con motivo da presentación pola Ministra de Facenda, a señora Montero, do teito de gasto para 2023, o señor Feijóo acusaba o señor Sánchez de "meter un sopro a cada español de 6.000 euros de débeda...o Executivo non tivo que cumprir ningunha norma económica ao levantar os límites de déficit, débeda e regra de gasto o que levou a que o país estea endebedado por 300.000 millóns". Patinazo que a intelixente ministra aproveitaría para deixar en evidencia a credibilidade do novo dirixente do PP cunha resposta tan contundente como certeira. "Falar nestes termos demostra unha total ignorancia e mala fe. Feijóo chegou a Xunta cunha débeda de 3.954 millóns de euros e deixouna en 11.314 millóns. Segundo as súas palabras, deixou un sopro en Galicia de 7.360 millóns de euros? O señor Feijoó é un insolvente e actúa de mala fe. Segue querendo enganar aos cidadáns como sempre fai o PP cando goberna e cando non. O último goberno de Rajoy incrementou a débeda pública de España nun 46%. Son datos oficiais que o señor Feijóo debería coñecer... Co goberno de Pedro Sánchez, España saíu do procedemento de déficit excesivo antes da pandemia. Levamos catro trimestres consecutivos rebaixando a débeda pública e o ano pasado pechámolo coa maior redución de déficit da historia". O patinazo foi, como se pode ver, monumental.

 

Pero non se trata do primeiro, velaí que empeñar nesta estratexia permita pensar que o señor Feijóo mente deliberadamente (poden ser os seus asesores económicos tan incompetentes?). Porque anteriormente e con motivo da distribución por o Goberno español  dos fondos de recuperación económica acusou a aquel de partidismo, de privilexiar as comunidades autónomas gobernadas polos socialistas. Acusación que sería contundentemente rebatida polo goberno coa presentación dos datos oficiais que demostraron, por caso, que no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) Galicia recibira un pouco máis do 6% (o sexto maior porcentaxe) cifra que está por encima do peso de Galicia en poboación total do Estado. Descoñecían o señor Feijóo e os seus asesores este dato?

 

Para finalizar, citar outro patinazo anterior cando, na súa estratexia de defensa dunha baixada de impostos -que sería suicida-, acusaba o goberno español, en xeral, e ao seu presidente en particular, de "estarse forrando co incremento nos prezos da luz e da gasolina".  Argumento falaz que sería contestado debidamente o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) onde as autoridades responsables, de novo a señora Montero que está a atopar nas trolas do señor Feijóo un auténtico filón de popularidade, demostraría que, por caso, polo novo sistema de financiamento autonómico Galicia recibirá case 9.500  millóns de euros (un 24% máis que en 2002 e que será maior cifra da historia) grazas a previsión de ingresos por impostos entre os que se inclúen aqueles con os que, segundo o señor Feijóo, o señor Sánchez está a forrarse.

 

Patinazos tan grandes, recorrentes e repetidos non poden ser froito da ignorancia de quen os comete que conta con moitos e notables asesores económicos. Cabe máis pensar que son froito dunha estratexia política que ten querenza polas trolas (fake-news) e as insidias como táctica. Unha estratexia que segue a senda marcada polo señor Rajoy e que, digan o que digan actualmente as enquisas e teniendo en cuenta o tempo que falta para as próximas eleccións xerais (decembro 2023), de continuar practicándose non debería estrañar a ninguén que convertan ao señor Feijóo nun político español de curto percorrido, tal e como lle sucedeu no seu día ao señor Hernández Mancha. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE