Maite Flores denuncia uns feitos á CEC, a CEC estúdaos e a que acaba sancionada é a candidata

As últimas horas da campaña ao reitorado da USC estiveron marcadas pola denuncia en redes de Maite Flores e a posterior advertencia da Comisión Electoral Central. 


|

WhatsApp Image 2026 03 12 at 14.47.21
Maite Flores | Foto: IG Maite Flores

 

As eleccións ao reitorado da Universidade de Santiago de Compostela resolvéronse onte coa vitoria de Rosa Crujeiras por unha ampla maioría sobre o seu rival, Maite Flores, nun proceso onde ocuparon máis titulares moitas circunstancias que pouco ou nada ten que ve a academia sobre as propostas das aspirantes a ser a primeira reitora da historia da USC. Nin sequera o día das propias eleccións despexáronse as polémicas, nesta ocasión coa propia Maite Flores como protagonista das resolucións da Comisión Electoral Central. 

 

 

DENUNCIA E MALESTAR

Na recta final de campaña a CEC tivo moito traballo, emitindo advertencias a varios membros da comunidade universitaria, como as publicadas a Almudena Hospido, parte da candidatura de Rosa Crujeiras, ou os profesores Ramón Ángel Bouzas e Celso Rodríguez, que empregaron os seus correos para enviar mails manifestando o seu apoio a Crujeiras e Flores respectivamente.

 

 

Precisamente, Flores foi a última en recibir a amoestación do Comité Electoral Central, que publicou a súa resolución só 10 minutos antes de que se pechasen as urnas onte ás 18 horas. Co proceso de votación xa aberto, a catedrática de Óptica denunciou a través dun vídeo colgado na súa conta de redes sociais uns feitos que, presuntamente, tiveran lugar durante unha das clases do mércores, no grao de Relacións Laborais. 

 

 

Segundo o relato de Flores, do que se fixo eco este diario, membros do decanato da facultade irromperon nunha clase para pedir o voto a Crujeiras, vestindo unha camiseta mesmo de apoio á candidatura da catedrática de Estatística. No post de Flores mencionábanse os nomes e cargos dos implicados e anunciaba que puña os feitos en coñecemento da CEC para que se adoptasen "medidas disciplinarias". 

 

 

A xogada saíu mal a Flores, pois os feitos, segundo detallan fontes da Facultade de Relacións Laborais, non puideron ser probados despois de que a CEC interpelase aos denunciados, que negaron os feitos. "Non se puideron demostrar os feitos", apuntan a este diario as mesmas fontes, que censuran o proceder de Flores por "publicalo en redes sociais, con nomes e apelidos" nunha denuncia que "afectou" ás persoas sinaladas, que negaron os feitos relatados na publicación de Instagram. 

 

"A comisión resolveu que non se puido demostrar que en clase sucedese iso", insisten desde a Facultade santiaguesa, que cren que o procedente fose, en todo caso, esperar á resolución da comisión no canto de facer a publicación en redes.

 

FALLO DA CEC

Unha publicación que, con todo, terminou por xogarlle unha moi mala pasada a Maite Flores, xa que a mesma mereceulle unha advertencia da CEC, a segunda en dous meses (a anterior tivo lugar en xaneiro por considerar que estaba a empregar medios da USC para a súa campaña). 

 

WhatsApp Image 2026 03 12 at 14.47.41
Maite Flores | Foto: IG Maite Flores

 

A pesar da denuncia de Flores, a CEC o que acabou foi emitindo unha "advertencia formal por incumprimento das normas do proceso electoral" á propia candidata, xa que no seu vídeo, ademais de denunciar o suposto episodio na clase de Relacións Laborais, explicaba como votar na web e a app e tamén pedía o voto á comunidade universitaria, animándoa a ir ás urnas.

 

"De acordo co artigo 28.3 do Regulamento Electoral Xeneral: “non poderá difundir propaganda electoral nin realizar acto algún solicitando o voto fóra do período de campaña electoral”. Por tanto, a actuación descrita está expresamente prohibida no día da votación", reza o comunicado onde advertían a Flores do seu deber de "#abster de realizar actuacións non permitidas fóra da campaña electoral, en particular, a petición do voto na xornada de votación".

 

 

"En caso contrario, a Comisión dará conta ao reitor para o exercicio da potestade disciplinaria polo incumprimento da normativa electoral. Esta comunicación ten a consideración de advertencia formal por parte da CEC, como órgano da administración electoral", conclúen no texto. Desde Relacións Laborais tamén indican a este diario que na advertencia a Flores instábana a retirar o post, que con todo segue publicado a esta hora na súa conta de Instagram. 

 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE