'Pyropoemas', a beleza entre as cinzas: "De noite un incendio pode ser fermoso, pero verche dentro..."

Percorrer este inverno os montes galegos é facelo a través de árbores queimadas e cinza, vestixios da vaga de incendios que arrasou a comunidade e que pillou a Iván Tarrío, membro dos equipos helitransportados, combatendo o lume aquí e alá. Da súa experiencia entre as chamas e as súas reflexións nace 'Pyropoemas' (Editorial Talón de Aquiles), unha recompilación de escritos deste enxeñeiro forestal que pon voz e poesía a moitas emocións e sensacións dos profesionais da extinción de incendios e que comparte nesta entrevista con Galiciapress .

 


|

WhatsApp Image 2026 01 08 at 12.57.21
Iván Tarrío

 

‘Pyropoemas’ preséntase como un libro que “non nace dunha mesa cómoda, nace da experiencia do monte queimado, da primeira liña de lume, da brigada helitransportada”. Como xurdiu esta idea?

Sempre me gustou escribir. Xa fixera un poemario autoeditado no 2016, poemas que ía escribindo. É a miña maneira de expresarme e visibilizar un pouco a profesión. Tirei por aí, porque é o que me gusta facer, escribir poesía. É unha forma de facer terapia. No canto de ir ao psicólogo, pois escribo.

 

Ese é un recurso habitual para moitos. Non é entón a túa primeira experiencia no mundo das letras. Que resposta estás a atopar?

Por agora pequena. Esta vez non é unha autoedición, senón que leva o selo de Talón de Aquiles, onde viron que tiña calidade e tiraron adiante co libro. Agora mesmo estou a cincuenta historias, cun máster de profesorado, facendo outras cousas… Prefería que saíse antes de Nadal, pero case non chegou. Acabei o traballo técnico da helitransportada en outubro, coa entrega de informes, e non tiven moito tempo de cumprir os prazos, coa maquetación, a corrección, a portada, etc. Entón salgue un pouco máis tarde do que me gustou. 

 

Agora é cando empeza a despegar entón. Fálame do libro, da súa estrutura, os temas que tocas…

Chámase ‘Pyropoemas’, aínda que a raíz grega que sígnica ‘lume’ ou ‘lumbre’ é con ‘i’, o libro é con ‘e’ porque outra persoa acuñara xa o termo, pero con poemas de gabanzas (Risas). E está escrito en castelán, aínda que teño cousas escritas en galego, porque me sentía máis cómodo ao empregar moita linguaxe técnica do mundo do lume. De feito, conta cun glosario final, onde explico un pouco a definición de cada termo. 

 

Na súa estrutura son 33 pyropoemas. Algúns son de experiencias que se viven no lume, outros sobre sensacións, outros son termos acuñados no lume, aínda que poden facer referencias a temas máis románticos. Outros son experiencias de como sentes. Por exemplo, hai un que se titula ‘Vencedor’, que é cando chegas a casa despois dun lume. Outro que é ‘Brigada Alfa’, que é sobre unha brigada na que estiven eu de peón, que é moi pasional, e conto un pouco o que sentimos, que sentimos como lobos, como unha manda. Nun fago unha analogía dunha queima cunha relación cando se acaba. Outros sobre marionetas, de como sentes no lume cando ti non tes máis decisión sobre planificacións... 

 

 

Tamén falas de que non hai épica barata neste libro. E, desde fóra, si sodes vistos como heroes por moitos. Sentides ese afecto ou como se vive desde dentro?

Desde dentro sente o apoio, a verdade. Nós este ano estivemos nun incendio a principios de agosto, en Corme-Aldea, cos veciños alí, apagando o lume entre as súas casas, que se lles queimaban. E a verdade é que si, porque despois até nos fixeron unha homenaxe nun partido de fútbol. Si que na xente ves que ten retorno o que facemos, pero á hora de que a administración o recoñeza é máis complicado.

 

 

"NON PINTO NADA E MEDIA GALICIA ESTÁ a ARDER"

Hai beleza tamén entre as cinzas?

Si. Explícoo, porque ás veces hai moita beleza, sobre todo desde fóra. Mesmo de noite un lume pode ser fermoso. Pero despois, unha vez que estás nel e camiñas todo o día entre cinzas, nun deserto totalmente negro, acabas odiándoos.

 

Imaxino que este verán foi particularmente duro. Como viviches en primeira persoa unha vaga de incendios como a que arrasou Galicia?

Ás veces con impotencia, porque nós estamos nunha base helitransportada e houbo uns días que se nos estragou o helicóptero e non podiamos ir a certos lumes. Entón estás na base pensando: "Foder, non pinto nada e media Galicia está a arder". Logo, cando si vas, sentes un pouco máis satisfeito de poder ir, pero tamén con moito respecto porque hai xente que perde as súas casas, ves todas esas penurias e ao final… 

 

Cóntoo nalgún poema, que ás veces vas a un incendio no que pensas: “Bo, ao día seguinte estará mellor, quedou controlado, reculaba cando nos marchabamos, deixamos alí a outra brigada…”. Chegas rebentado a casa, dormes un pouco e cando te espertas ves que arderon 300 hectáreas máis nese incendio que crías que quedaba aí. Como había tantísima acumulación de incendios, se cadra algún incendio que ti pensabas que se podía controlar, por falta de medios, despois vías nas noticias que se había desmadrado.

 

Foto: RTVE

 

Mencionas esa experiencia de estar tantas veces man a man con veciños. No verán tiven moi preto a xente de pobos onde tiñan o lume ao pé das súas casas, onde os veciños estaba co tractor ou coa aixada, co que tivesen a man... O que parece que permeó na sociedade é a idea de que a resposta política foi tardía, ineficaz e insuficiente. Sentistes abandonados durante esa crise?

Houbo momentos nos que si, que sentimos que faltaban cousas. Por exemplo, cun incendio ao que tivemos que ir e se desmadró moitísimo. Iamos na dirección contraria cara a onde saía todo o mundo. Quedamos nós, a miña brigada quedou soa nese incendio. Había moito fume, os medios aéreos non podían participar, a pesar de que temos o helicóptero, pero non podían actuar polo vento e tivemos que retirarnos. Eu preguntei por si había algún medio e non puideron levar nin comida, nin auga, nin nada. Tiven que ir buscala eu, abaixo, á aldea. E, despois para marcharnos de alí, que tiñamos que coller o helicóptero a 7 quilómetros, tivemos que tirar dun particular que nos fixo o favor de levarnos.

 

"ENCANTARÍANOS TRABALLAR MÁIS TEMPO"

Sempre que falo con bombeiros dinme que os lumes de agosto apáganse en xaneiro. Fai falta moito máis esforzo para dotar a estes profesionais de medios, de recursos, para facer eses traballos de prevención?

Nós traballamos en helitransportada só catro meses. Encantaríanos traballar máis tempo, porque somos xente nova que nos adestramos todos os días fisicamente para iso. No libro menciono no prólogo como compañeiros buscan outras profesións: un é maderista, outros fan traballos de roza pola súa conta para particulares…porque a administración non nos dá a posibilidade de traballar en prevención durante o inverno. Nin sequera facendo queimas, que ás veces non teñen xente para facer queimas a propia administración porque non dá xuntado cuadrillas. Tamén nestas situacións é onde máis aprendes tamén, porque ao traballar con lume logo aprendes a controlalo máis.

 

Noutro elemento sobre o que me inciden os expertos é que o panorama, lonxe de mellorar, parece que vai ir a peor ano a ano. Estamos a perder a loita contra o lume?

Estamos a perder a loita se pretendemos apagar grandes incendios forestais non nos adaptamos. Debido ao cambio climático, ao aumento das temperaturas, vemos que ano a ano o comportamento do lume cambia, vimos bulebules de lume, cousas raras que non se vían antes. Isto vai cara a outra maneira de traballar. Vas ter que traballar moito máis con outro tipo de ferramentas, como diversificación de cultivos. Agora mesmo sáese de capacidade de extinción cando collen unha ladeira grande ou cando afectan a unha extensión grande. Se non hai discontinuidades na paisaxe imos ser incapaces de apagalos. 

 

 

Iso é o que tamén pasa en Estados Unidos, que son os máis preparados para isto, que levan con grandes incendios moitos anos. Non é nada novo. Son cousas que se desmadran. Este ano pasou en Los Ángeles, pero hai moitos exemplos en Australia, en Europa está a pasar. Están a incorporarse medios, máis helicópteros, pero despois é máis difícil para nós aínda expor a extinción porque eles tamén absorben recursos. Hai helicópteros limitados en Europa co tema das guerras…

 

E cando te ves nunha situación así, ante eses remolinos de lume, ás veces botas en falta non ter un papel e un lapis a man ou nese momento non hai tempo para a inspiración?

Nada, esquéceche. Isto nace dunha reflexión posterior, tras todos estes anos nisto. Cando chegas á túa casa estás rebentado, se cadra desbásteche a cabeza de tragar tanto fume. O único que podes facer é descansar se ao día seguinte tes que traballar, e si non tes que traballar, ao día seguinte tes moitas outras cousas que facer. Nós traballamos durante moitas horas seguidas, entón non podes nin ir á compra nin facer certas cousas que logo tes que facer nos teus días libres.

 

Tamén contas cunha longa traxectoria nisto da docencia. Cres que fai falta tamén máis didactismo ao redor de todo o relativo ao mundo dos lumes, tanto na actuación como no referido a minimizar os riscos?

O problema do que é o SPIF (Servizo de Prevención de Incendios Forestais) en Galicia, o que eu vexo, é que asumimos a moita xente en tempada de alto risco e, se vén un ano fodido como este con tantos incendios, hai formacións a cuadrillas municipais que non se poden dar pola inmediatez ante a necesidade de traballar. Ocorreu este ano. Sempre chega xuño, xullo, e os deberes non están feito. 

 

 

Habería que ter unha prevención antes de cantas cuadrillas van participar. Habería que contratalas un mes antes e darlles unha formación, porque non se está dando. Entón, cando acumulas a tanta xente en momento puntuais, con picos de traballo, contrátase a quen poden, non a quen están formados. 

 

Agora imaxínome que quererás gozar deste proceso, pero, tes algo máis gardado no caixón para o futuro? 

Gustaríame sacar algo en galego. Teño bastantes cousas escritas, pero por agora non teño tempo. Ata que pasen uns meses, acabe co máster... se cadra xa pasa a campaña que vén, porque vou seguir, e despois buscarei un tempo de reflexión e de poder traballar nalgunha cousa en galego, que me gustaría moito. Xa teño algún poemario escrito, pero teño que darlle voltas, porque facelo na miña lingua materna imponme máis respecto.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE