Inaugurado o "Santiago Emprega VI", que formará a 85 mulleres
Realizarase un seguimento da empregabilidade ao finalizar o programa, aos 6 meses e aos 12, unha vez finalizado.
Marta Lois presentou o taller. Foto: Concello de Santiago
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, asistiu este venres á apertura do programa de emprego integrado Santiago Emprega VI, dirixido a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral a través dun itinerario que contará con accións informativas, talleres ou asesoramento e coaching.
Participan 85 mulleres de entre 18 e 25 anos, que mellorarán as súas competencias mediante catro itinerarios de inserción laboral aos que se lle sumarán itinerarios adaptados a cada perfil profesional.
Na apertura, a concelleira fixo fincapé nos "esforzos que se están facendo na mellora da empregabilidade da xente moza" e lembrou os "dous millóns de euros captados en fondos externos para o desenvolvemento deste tipo de programas".
Este taller ten unha duración de 12 meses e un grao de inserción laboral próximo ao 50%. Realizarase un seguimento da empregabilidade ao finalizar o programa, aos 6 meses e aos 12, unha vez finalizado.
Os catro itinerarios formativos son de márketing e comercio internacional, condución de autobús, recepción en aloxamentos e confección de páxinas web. Ademais, contarase con talleres que procuren mellorar as competencias transversais e comunicativas das persoas participantes.
O programa comezou cunha charla de Reina Dhoore, acompañadora de procesos emocionais e de tensións, que buscou motivar as participantes na procura de emprego.
Escribe o teu comentario