Intervidos case 200 quilos de marisco en controis en Arousa e a ría de Pontevedra
A maioría estaba oculto en aparellos fondeados no porto de San Xulián, na Illa de Arousa.
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, interviñeron case 200 quilos de marisco e 172 útiles de pesca en controis realizados o martes na Illa de Arousa e na Ría de Pontevedra.
Segundo informa a Consellería do Mar, a maioría do produto foi intervido no control realizado na Illa de Arousa, no porto de San Xulián, onde os axentes requisaron 167 quilos de marisco e 17 útiles de pesca. Os gardacostas requisaron os aparellos, que estaban fondeados no porto, e o marisco que contiñan, debido a que todo estaba sen identificar.
Case todo o marisco intervido nesta actuación, 125 quilos, era centola e tamén requisaron 18 quilos de nécora. A maioría desta especie estaba ovada e en veda.
A maiores neste control tamén se interviñeron 12 quilos de camarón e 12 de ameixa. Todas estas especies estaban no interior dos útiles incautados, unha gaiola, 12 sacos e catro capachos.
Por outra banda, noutros controis realizados na Ría de Pontevedra, os axentes incautáronse 155 nasas que estaban sen identificar e o peixe e marisco que contiñan, 16 quilos de polbo de talla antirregulamentaria, e 1,5 quilos de peixe variado.
Estas actuacións, concreta Mar, enmárcanse no conxunto dos controis que efectúa diariamente o Servizo de Gardacostas para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros e marisqueiros.
Escribe o teu comentario