ASGADED esixe á Xunta que derrogue a valoración conxunta de dependencia e discapacidade
Afirman que se trata dunha "campaña de propaganda para disimular a mala xestión das listas de espera", que case alcanzan os 400 días.
A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (Asgaded) esixiu este luns a derrogación do proceso de valoración conxunto de dependencia e discapacidade impulsado pola Xunta de Galicia, que tacharon de "chapuza". "É unha campaña de propaganda para disimular a mala xestión das listas de espera", aseguraron dous vogais da asociación, Margarita Prieto e Francisco Vázquez.
Así o defenderon nunha rolda de prensa celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, onde apuntaron ademais que a espera media para obter a valoración, con datos de marzo, é de case 400 días.
Para a asociación, o novo procedemento trata de "disimular" a "nula xestión" das listas de espera, para as que se seguen sen reforzar os equipos de valoración. "É unha chapuza desde o punto de vista técnico. Isto non resolve os problemas do sistema", afirmou Francisco Vázquez.
Entre os problemas que, aseguran, está a deixar esta valoración unificada, está o empeoramento das avaliacións, que xa non se fan presencialmente de forma estandarizada. Isto ademais contradi a lexislación estatal, que recolle que as valoracións deben facer en persoa por norma xeral, co que se xera unha situación de inseguridade xurídica.
A este respecto, insisten en que hai espectos da dependencia que o facultativo debe "ver en persoa" como é a mobilidade, entre outras.
Así mesmo, apuntan que a propia homologación entre dependencia e discapacidade xera "problemas", dado que "non é o mesmo". "Unha persoa pode ter unha discapacidade e non ser dependente, e ao contrario", matizan.
LISTAS DE ESPERA DE CASE 400 DÍAS
Sinalan tamén que esta medida abre a porta á judicialización -- afectados recorren ante a lei -- e á privatización, pois fomenta que os informes os leven a cabo mutuas e entidades privadas ante o incremento da carga de traballo á que someten aos traballadores dos equipos.
Indican que isto débese a que antes era o médico do avaliado o que "sintetizaba" nun informe os datos, mentres que agora hai que "indagar" no seu expediente clínico, "algo, que segundo o paciente, pode levar horas".
Por todo iso, afean que a Xunta trate de solucionar un problema "a golpe de ocorrencia", facéndoo ademais "pola porta de atrás", mediante a Lei de Acompañamento, e piden que se derrogue.
"A homologación significa discriminación e perda de dereitos", afirmaron.
Tamén nesta liña, insisten en que estas medidas non solucionan o verdadeiro problema: as listas de espera para as valoracións, que case chegan aos 400 días.
Aínda que sinalan que depende das provincias e de como se atopen en cada momento os equipos, para discapacidade está a chegarse en Lugo aos expedientes de 2022 e en dependencia en Cpruña, aos de 2023.
Escribe o teu comentario