Médicos advirten de que se espera "outro pico de gripe" que volverá provocar colapsos

CESM-O'Mega denuncia o "abandono" da Atención Primaria e asegura que "o fallo está única e exclusivamente nos xestores".


|

Griperesfriado


A plataforma de sindicatos médicos CESM-O'Mega advertiu este luns de que, segundo os expertos, "o pico da gripe aínda non chegou", polo que reclama máis persoal sanitario e recursos para evitar colapsos nos diferentes niveis asistenciais.


En rolda de prensa, o secretario xeral de O'Mega, o doutor Manuel Rodríguez Piñeiro, denunciou en nome da plataforma de sindicatos médicos "a deterioración da sanidade en Galicia" e incidiu en que "as situacións de colapso e sobrecarga asistencial inícianse no mes de xuño sendo constantes ata finais de febreiro do ano seguinte".


Así, no comunicado conxunto que leu, explicou que, por unha banda, na actualidade a Atención Primaria sofre "unha situación de abandono por parte da administración, que ve incrementada ano a ano, provocando que non sexa capaz de satisfacer a demanda".


"A solución que se esta expondo na reforma da Lei de Saúde de Galicia vai agravar aínda mais esta situación ao acentuar a marxinación da Atención Primaria", asegurou.


CENTROS DE SAÚDE "DESBORDADOS"


"Todos os anos desde o verán ata febreiro o colapso é continuado como consecuencia da poboación debido entre outras causas á afluencia de turistas en zonas costeiras. Ao coincidir coas vacacións dos profesionais que non son substituídos na súa inmensa maioría e a eliminación dos chamados reforzos de costa fai que o persoal quede en precario", sosteñen os sindicatos médicos, que precisan que iso "fai que se demore a atención ordinaria, creando listas de espera nos meses seguinte, repetíndose o ciclo e empeorando nas festas de Nadal".


Neste sentido, afirman a plataforma de sindicatos médicos que "as consultas dos centros de saúde se atopan totalmente desbordadas". Tamén subliñaron que "a sobresaturación das consultas de Atención Primaria xera que os pacientes acudan en busca de atención aos centro de atención continuada (PAC) e mesmo aos servizos de Urxencias hospitalarios".


SATURACIÓN EN URXENCIAS


Así mesmo, subliñan que a saturación nos servizos de Urxencias "é algo frecuente e que denunciamos todos os anos". Así expuxeron que no pasado mes de decembro e neste xaneiro "se viu incrementada de forma moi importante a demanda, debido a varias circunstancias (festivos e climatoloxía), algo que se repiten e por tanto a maioría das veces é previsible".


"É máis, este ano, coma todos, solicitouse que se incrementasen os recursos para paliar os efectos da gripe, pois sabiamos que nas nosas antípodas os efectos foran moi importantes", lembraron, para avisar de que "segundo os expertos o pico da gripe aínda non chegou". "Espérase outro pico de gripe", advirten.


Tamén incidiron en que "a falta de camas operativas provoca que as urxencias susceptibles de ingreso teñan que permanecer moitas horas en urxencias ocasionando que os servizos de urxencias colapsen e impidan que os profesionais poidan dar asistencia adecuada aos pacientes que acoden ao servizo".


MÁIS MEDIOS


Por todo iso, solicítanlle á Administración sanitaria galega que "se poñan os medios tanto humanos como materiais para evitar que continúe esta deterioración da sanidade pública galega".


Deste xeito, o presidente de CESM, José María Escudeiro, avogou por "descentralizar" a sanidade en Galicia para "achegar a solución ao problema" xa que, considerou, "o fallo está única e exclusivamente nos xestores".


Respecto diso, a doutora Marina Tallón do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) afirmou que no seu centro "todos os días do ano teñen pacientes pendentes de ingreso sen cama".


Por iso, incidiron en que a "deterioración progresiva" da Atención Primaria, a falta de cobertura das baixas de facultativos por mor dunha "contratación insuficiente" e de dotación de recursos, así como a ausencia dunha "política de xestión adecuada en urxencias" e a "mala xestión das camas" fai "imposible atender de maneira adecuada aos pacientes", abundou Marina Tallón.


Neste sentido, Secundino Barreiro, en representación dos PAC, subliñou que "a atención que se dá non a merece a poboación" ante a falta de medios.


Tamén Escudeiro avisou de que cada vez os médicos que realizan o MIR non optan pola Medicina de Familia porque "as condicións son cada vez máis penosas". Con todo, recalcou que a sanidade está "nove meses" dos doce que ten o ano en "emerxencia permanente", tanto nas cidades galegas como nalgunhas zonas rurais, polo que a plataforma de sindicatos médicos avoga pola "descentralización", xa que "o problema é a dimensión do sistema sanitario".


relacionada Soben a 38 os falecidos por gripe en Galicia no que vai de tempada
relacionada ​O CHUAC, entre os hospitais españois máis saturados pola gripe
relacionada ​O PP aposta por dar altas con máis rapidez e non por ter máis persoal nos hospitais
relacionada "As camas existen, pero non se dotan do persoal necesario para estar dispoñibles"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE