​O PP aposta por dar altas con máis rapidez e non por ter máis persoal nos hospitais

Os populares defenden que o colapso en Urxencias non é só "un problema galego".


|

Paciente hospital cama


O PPdeG recoñeceu a "saturación" nas urxencias, pero indicou que "o problema fundamental" da situación é a "drenaxe" dos pacientes cara ás plantas hospitalarias, mentres que a oposición pide medidas de forma inmediata para reverter esta situación dotando os servizos con máis persoal.


A Comisión de Sanidade debateu unha proposición non de lei de En Marea, que non saíu adiante polos votos en contra do PP, na que se pedía incrementar o número de efectivos profesionais nos servizos de urxencias, que se abrisen as plantas e ás inoperativas "de forma permanente", e recuperar as prazas amortizadas en atención primaria e hospitais.


Durante a súa intervención, a deputada de En Marea Eva Solla subliñou que esta iniciativa era un "berro desesperado" por levar ao Parlamento as necesidades da sanidade pública e, en concreto, para paliar a "saturación" das urxencias dotándoa de máis persoal.


"O que se viviu na ponte de decembro é vergoñoso", puxo como exemplo a deputada de En Marea, quen denunciou os "recortes" nos servizos de atención primaria e da "diminución de máis de 800 camas na globalidade do Sergas", a pesar das "necesidades" de hospitalización.


Eva Solla cre que a Feijóo "pouco lle duraron as desculpas" e botou en falta, mesmo, palabras no seu discurso de Ano Novo para as persoas que pasaron nas urxencias a Noitevella.


ANTICIPAR ALTAS HOSPITALARIAS


Por parte do partido que sostén o Goberno, o deputado popular Aurelio Núñez Centeno defendeu que a "saturación" das urxencias non é un "problema galego", senón que se repetiu a situación de "saturación" no resto de comunidades autónomas.


Ademais, sinalou medidas como anticipar as altas hospitalarias á primeira hora da mañá, de acordo cos "manuais" de traballo en urxencias para aliviar este servizo, e manifestou que o "principal" problema é a drenaxe.


Na réplica, Eva Solla advertiu de que o problema de "drenaxe" se debe tamén á "falta de persoal". "Non é unha cuestión administrativa", incidiu, senón que se debe a que a preparación da alta duns pacientes implica a varios profesionais con distintas funcións.


Julio Torrado, por parte do PSdeG, incidiu en que hai un "problema de previsibilidade" e de planificación. "Estamos ante un goberno reactivo ante os problemas, e non ante un goberno preventivo", censurou, facendo referencia a que ano tras ano se producen os mesmos problemas en urxencias.


O BNG, a través de Montse Prado, mostrou o apoio á proposta lembrando que a situación das urxencias ten parte da súa orixe na "sobresaturación" de atención primaria. Ademais, indicou que as listas de espera para atención especializada propicia que persoas enfermas acaben acudindo a urxencias polos seus problemas de saúde.


relacionada Chaman a defender a sanidade pública na "primeira gran manifestación do ano"
relacionada "As camas existen, pero non se dotan do persoal necesario para estar dispoñibles"
relacionada Unha asociación sanitaria respóndelle a Feijóo: "Unha cama hospitalaria non é un moble"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE