Unha asociación sanitaria respóndelle a Feijóo: "Unha cama hospitalaria non é un moble"
Consideran que a proposta do presidente sobre as camas en planta "evidencia a súa radical ignorancia".
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública tachou de "ocorrencia inxusta" as declaracións de Feijóo nas que expuxo a posibilidade de "dar camas en planta" ante a saturación dos servizos de urxencias.
"Estas declaracións poñen en evidencia a súa radical ignorancia dos problemas sanitarios: unha cama hospitalaria non é un moble a improvisar senón un conxunto de recursos profesionais e de aparellos tecnolóxicos que garanten a atención dos pacientes hospitalizados", sinala a asociación nun comunicado.
Este colectivo fai referencia ás palabras do presidente da Xunta do pasado xoves, nas que puxo sobre a mesa a posibilidade de "dar camas en planta" aínda que "o confort non sexa óptimo" coma nas habitacións.
"A solución dos colapsos sanitarios non pasa por acumular pacientes nas habitacións en lugar de nos corredores", censura a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que ironiza con que "parece que se pretende volver ás antigas salas dos hospitais provinciais con múltiples camas atendidas por persoal relixioso".
Deste xeito, apunta que a "solución" para estes problemas é "recuperar os recursos recortados" e a súa "planificación" en función das necesidades da poboación, así como a "potenciación" da atención primaria.
Ademais, sinala como responsables do "caos" ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e esixe a súa dimisión pola súa "incompetencia manifesta para xestionar a sanidade galega pública".
Escribe o teu comentario