O CHUAC, entre os hospitais españois máis saturados pola gripe
O sindicato Satse critica ás comunidades pola súa "recorrente" falta de previsión que leva a colapsos das Urxencias
Entrada de Urxencias do CHUAC. Foto: @BNGACorunha
O sindicato de Enfermería Satse denunciou a "recorrente" falta de previsión das comunidades autónomas ante o incremento da presión asistencial pola incidencia da gripe, que está a causar como cada ano colapso e saturación nos servizos de Urxencias de practicamente todo o país.
Esta situación, segundo critica esta organización sindical, fai que os profesionais sanitarios estean "absolutamente desbordados", mentres que nos centros hai "pacientes en padiolas e cadeiras de rodas polos corredores, esperas de resultados superiores ás 48 horas, espazos sen cortinas nin biombos que ofrezan certa intimidade".
Satse asegura que estas situacións son xeneralizadas pero destacou as saturacións que están a vivir determinados hospitais de toda España. Entre eles, nomean o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, así como outros centros de cada comunidade autónoma cunha situación similar.
"Demostran unha clara pasividade por parte dos distintos servizos de saúde ante unha situación que se repite ano tras ano", denunciou Satse, que critica que as comunidades non sexan previsoras e deban esperar a que os servizos se colapsen para tomar decisións, con "parches temporais", o reforzo puntual dos persoais ou a apertura de novas camas.
Por iso, pídelles aos responsables sanitarios que deixen de lado intereses puramente económicos vinculados ao aforro de gasto e prioricen ofrecer unha óptima atención aos cidadáns, reforzando os hospitais pero tamén os equipos dos centros de saúde, onde ao seu xuízo se pode incidir de maneira notable nun uso racional dos recursos sanitarios.
Escribe o teu comentario