Profesionais sanitarios denuncian que "se traballa todo o ano en servizos mínimos"

Prosagal alerta de que os reforzos nos hospitais son insuficientes cando "os picos" de traballo se volveron "crónicos".


|

Urxencias cartel hospital


A Agrupación Sindical de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal) alertou ante a "situación límite" que vive o persoal sanitario "de todas as categorías", desde os traballadores das ambulancias ao servizo de urxencias, ante a falta de medios para atender os pacientes nos hospitais do Sergas.


"Non quedan cadeiras nin padiolas, as salas de espera están a rebordar, 20 ou 30 pacientes pendentes de ingresar en plantas pero que seguen en urxencias porque non hai camas, non hai baños para asear a estes pacientes en espera de ingreso", indica Prosagal nun comunicado emitido este xoves.


Así, apunta que esta situación repercute nos "profesionais de todas as categorías", que se enfrontan a "unha situación reiterada de tensión, impotencia, enfado e esgotamento físico e psíquico que acaba repercutindo na súa saúde".


Deste xeito, a agrupación denuncia que "os picos" de traballo se volveron "crónicos" nos servizos sanitarios de Galicia. "Cando se producen 'picos' dentro dos 'picos' e o persoal non aumenta en consonancia coa demanda asistencial, temos un problema", subliña.


Prosagal sinala que as medidas impulsadas polas xerencias dos hospitais para paliar estas situacións "son insuficientes", xa que, a pesar de que recoñecen que este ano reforzou o persoal, aínda seguen sendo "mínimas".


"En urxencias, nas unidades de hospitalización, no servizo de radioloxía e o resto de servizos implicados trabállase todo o ano en servizos mínimos, e hai estudos que así o avalan", engade o colectivo.


Así as cousas, tras felicitar os traballadores polo seu esforzo e instar os directivos a estar "menos nos despachos e máis a pé de cama" achegando "solucións", Prosagal tamén chama á poboación a que envíen escritos "aos de arriba" nos que denuncien a situación que se atopan cando acoden ao sistema sanitario de Galicia.


relacionada ​Feijóo, aos enfermos de gripe: "Hai catro recursos que usar antes de ir ao hospital"
relacionada Os sindicatos atribúen o "mal endémico" dos colapsos a un modelo de "recortes"
relacionada ​O Sergas recoñece unha peor atención na onda de gripe a pesar de sumar cen reforzos cada día

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE