Once detidos e case unha vintena de rexistros na ría de Arousa polo alixo de cocaína na Pobra
A misteriosa e frustrada operación policial que se saldou coa incautación do maior alixo de cocaína do ano en Europa de hai uns días está a ter unha segunda parte, como era de esperar. No dispositivo de hoxe búscanse aos socios galegos dos suramericanos que foron arrestados na Pobra do Caramiñal. Hai polo menos once tidos até o momento nunha xornada na que se realizaron 18 rexistros coa UDYCO á fronte do operativo.
A Policía Nacional e a DEA estadounidense despregaron hoxe un amplo operativo na comarca do Salnés, centrado en rexistros e detencións vinculados ao alixo de máis de 3.500 quilos de cocaína incautados hai dez días na Pobra do Caramiñal. O golpe contra a rede de narcotráfico que introduciu a droga en Galicia mediante un narcosubmarino segue sumando capítulos .
Un dos escenarios do operativo é un taller náutico en Tragove (Cambados), relacionado cunha empresa de aluguer de embarcacións en Sanxenxo . Este negocio, que dispón de acceso directo ao mar, dedícase ao mantemento de motos de auga, a reparación de motores e a asistencia a embarcacións en plena ría. Os axentes inspeccionan minuciosamente as instalacións para determinar si foron utilizadas como apoio loxístico na descarga da droga.
Fontes policiais confirman que existen varias persoas detidas e que as investigacións non se limitan só ao Salnés. Paralelamente levan a cabo rexistros en Barbanza , xa que as pescudas apuntan a que a rede operaba a ambos os dous lados da ría de Arousa. A coordinación coa DEA, a axencia antidroga de Estados Unidos, interprétase como un indicio da magnitude internacional do armazón delituoso.
Nos calabozos da Comisaría de Pontevedra atópanse xa polo menos tres dos arrestados neste novo operativo, vinculados presuntamente á estrutura galega da organización. Aínda que as forzas de seguridade gardan silencio sobre as identidades, confirman que a investigación segue aberta para identificar a todos os implicados no traslado da droga desde o Atlántico até as costas galegas.
Os fardos que apareceron na Pobra do Caramiñal
A orixe desta operación remite á madrugada do pasado 13 de setembro. Sospéitase que un narcosubmarino descargou a súa mercadoría fronte á praia de Cabío (A Pobra do Caramiñal). O dispositivo policial obrigou aos traficantes a abandonar parte da carga. Ese primeiro alixo foi interceptado esa mesma noite , ao día seguinte, nun polígono industrial próximo, onde a Policía Local achou outros 85 fardos.
En total, a cocaína incautada supera as tres toneladas e media, unha das maiores cantidades comisadas este ano no mundo, a maior en Europa. Segundo as pescudas, a droga procedía de Sudamérica e fora trasladada na nave semisumergible até un punto próximo á Ría de Arousa.
Até agora, os únicos detidos directos en relación coa descarga eran tres cidadáns suramericanos, un colombiano e dous ecuatorianos. A Policía Local atopounos ao día seguinte do operativo deambulando na Pobra. Estes homes, que alegaron estar a facer o Camiño de Santiago, resultaron sospeitosos desde o primeiro momento e crese que formaban parte da tripulación do submarino. Foron procesados por un xulgado de Muros, o que apunta a que a operación policial non foi furtuida, había dilixencias de investigación previas abertas naquel xulgado.
Tres colombianos en prisión preventiva
A xuíza de Muros decretou para eles prisión provisional, comunicada e sen fianza, o que reforza a consideración de que tiveron un papel activo no transporte da droga. A Policía Nacional sospeita que eran os encargados de manexar o narcosubmarino que chegou a Galicia tras unha longa travesía transoceánica.
É evidente que o tres suramericanos non puideron desembargar eles sós centos de fardos de fariña.
A operación de hoxe tenta identificar a rede galega que esperaba a descarga e que tería a misión de almacenar e redistribuír a mercadoría. Neste punto é onde se centran os rexistros no Salnés, en busca tanto de probas físicas como de documentación que revele a dimensión económica e loxística da trama.
Galicia, outra vez foco do narcotráfico internacional
O suceso volve situar a Galicia no mapa internacional do narcotráfico. As Rías Baixas foron utilizadas historicamente por redes dedicadas á entrada de cocaína en Europa. Nos últimos anos, as forzas de seguridade detectaron que os narcosubmarinos son un método cada vez máis recorrente para introducir grandes cantidades de droga desde América Latina.
A utilización de talleres, naves industriais e empresas con acceso directo ao mar reflicte a capacidade dos clans para #incrustar na economía legal e utilizar negocios aparentemente lexítimos como pantallas. Os investigadores cren que este patrón se repite en varios puntos da costa galega.
Polo momento, nin a empresa inspeccionada en Cambados nin os seus responsables realizaron declaracións públicas achega do operativo policial. Tampouco hai unha valoración oficial do Goberno central máis aló do recoñecemento da colaboración internacional coa DEA e da importancia de seguir debilitando as estruturas do narcotráfico na comunidade galega.
A investigación atópase baixo segredo de sumario, o que limita a difusión de certos datos sobre a operación.
Escribe o teu comentario