A Xunta, denunciada por non medir o radón nos seus edificios
A CIG leva ao Goberno ante Inspección de Traballo, pola negativa a facer medicións en San Caetano.
Edificios da Xunta en San Caetano.
A CIG denunciou á Xunta ante a Inspección de Traballo por "negarse" a facer a medición dos niveis de gas radón nos edificios de Servizos Centrais situados en San Caetano nos que o persoal traballa de forma ordinaria.
Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato nacionalista sinalou que algúns estudos cifran no 25% o total de casos de cancro de pulmón detrás dos que se atopa este gas, cuxa emisión é especialmente alta na comarca de Santiago de Compostela.
A CIG subliñou que expuxo en reiteradas ocasións no respectivo comité de seguridade e saúde laboral a inquietude do persoal público polo nivel de radón rexistrado nos edificios administrativos.
"É necesario destacar que o custo destas medicións, que realiza a propia Universidade de Santiago de Compostela (USC) oscilan entre 80 e 230 euros, cantidade pola que está a poñer en risco a Xunta a saúde do seu persoal", denunciou a central nacionalista.
"ALTÍSIMOS NIVEIS NO CGRL"
Sobre esta cuestión, o sindicato lembrou que no Consello Galego de Relacións Laborais, organismo dependente da Xunta e que ten as oficinas en Santiago, fíxose unha medición deste gas ante a que se tiveron que facer obras de mellora e de evacuación do radón debido aos "altísimos niveis de concentración".
A CIG insistiu en que a Administración autonómica "está a incumprir toda a normativa nesta materia", "desde as directivas europeas ata as básicas ditadas pola propia Xunta sobre este gas". Por iso, pediu á Inspección de Traballo que obrigue á Xunta a facer as medicións.
Escribe o teu comentario