Galiza pola Paz replica ao defile militar de Vigo, coa presenza da Casa Real, cunha manifestación
O mesmo día que Felipe VI presida o maior desfile militar celebrado en Galicia en décadas, unha manifestación pacifista percorrerá o centro de Vigo ao berro de "nin guerra, nin OTAN".
A plataforma Galiza pola Paz convocou para o vindeiro sábado 30 de maio unha protesta en Vigo que coincidirá en horario e cidade co acto central do Día das Forzas Armadas (DIFAS), que este ano mobilizará a máis de 3.200 efectivos militares e estará presidido polo rei Felipe VI. A manifestación partirá ás 12.00 horas desde Vía Norte con destino a Porta do Sol baixo a lema 'Paz e soberanía. Nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares'.
FRONTE ANTIMILITARISTA
Na rolda de prensa celebrada ante o Concello de Vigo, a portavoz Marta Romeu cualificou o desfile de "exaltación obscena da barbarie" e describiuno como un intento de lexitimar un gasto militar que, ao seu xuízo, lastra a calidade de vida da cidadanía.
Xunto a ela, o portavoz Rafa Vilar cifrou en máis de 800.000 millóns de euros os fondos que a Unión Europea destina ao que denominou unha "maquinaria de guerra", en detrimento de pensións, sanidade e educación pública.
Acusou ademais ao Goberno central e á Xunta de ser "cómplices por inacción" deste proceso de rearmamento. O BNG tamén chamou a participar na protesta, no marco da súa campaña 'Na Galiza: Paz, soberanía e dereitos'.
DOUS VIGOS NA RÚA
Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero subliñou a "gran tradición de apoio e afecto" de Vigo cara ás Forzas Armadas e celebrou a elección da cidade. Os actos comezarán o martes 26 con música, exposicións e exhibicións, mentres o desfile principal celebrarase o sábado na Avenida de Samil.
Escribe o teu comentario