Denuncian que o Sergas lles nega os informes médicos a pacientes que solicitan a alta voluntaria
A Asociación de Médicos Interinos de Galicia presenta unha queixa formal ao Valedor do Pobo.
O Sergas non facilita informes clínicos de alta aos pacientes que piden a alta voluntaria, unha actuación que "pode incumprir varias disposicións de carácter nacional, como a Lei Xeral de Sanidade e vulnerar gravemente o dereito fundamental ao acceso á información sanitaria", tal e como denuncia nun comunicado a Asociación de Médicos Interinos de Galicia (ASMIG).
Para ASMIG, a situación é "particularmente inexplicable" cando se trata dun traslado a outro centro médico privado, xa que "o médico receptor carece da información básica do proceso seguido no centro público".
Por todo iso, a asociación decidiu cursar unha queixa formal dirixida ao Valedor do Pobo, para que solicite do Sergas unha aclaración e, no caso de que se demostre que a conduta do Sergas vulnera a lei, corrixa a situación.
ASMIG lembra que a normativa recoñece que un paciente pode abandonar o Hospital en contra do criterio do seu médico, pero deberá asinar o informe de Alta Voluntaria e asumir a responsabilidade sobre os posibles problemas derivados dunha alta prematura. Ademais, en todo caso, "tanto se é alta médica como voluntaria, teñen dereito a que se lle dea un informe escrito da súa asistencia".
E é que unha orde estatal recomenda "que se faga constar na historia clínica o rexeitamento do tratamento, a petición de alta voluntaria e entregarlle un informe clínico de alta no que se especifique -ademais dos datos do paciente- un resumo do seu historial clínico, a actividade asistencial prestada, o diagnóstico e as recomendacións terapéuticas".
Escribe o teu comentario