Alberto Varela: "Estamos nun momento moi complicado da política e as tensións a nivel nacional estanse trasladando a todos as administracións"

Alberto Varela Paz (Vilagarcía de Arousa) está á fronte da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) desde 2019. Desde 2015 é o alcalde de Vilagarcía polo PSdeG-PSOE. Falou con Galiciapress sobre varios temas pero quizais o que máis lle preocupa (como a outros e outras alcaldesas) é a nova Lei de Administración Local de Galicia que perfila a Xunta. Está convencido da necesidade de negociar entre administracións pero, aínda así, lembra que os municipios galegos asumen a día de hoxe competencias que non lles corresponden e sen recibir fondos para iso. Varela considera que o modelo SOGAMA para o tratamento de residuos está obsoleto e supón agora mesmo unha carga impositiva moi importante para os municipios galegos.


|

 

IMG 2769
Alberto Varela, presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa

 

-O pasado martes 24 de marzo mantivo unha reunión coa presidenta provincial de Lugo, Carmela López. Unha vez finalizado o encontro sinalaron a negatividade da “presión” que suporá a aplicación da nova lei autonómica para entidades locais. Que é esa presión e cal cre que é a intención do goberno autonómico?

O que non hai é un diálogo para sacar adiante unha lei consensuada. A creación dunha lei desta magnitude debería ter unha participación activa do órgano de representación de municipios e provincias desde un primeiro momento, non resolver isto con simples alegacións como se fosemos un administrado máis. Revindicamos esa participación activa sobre todo porque é unha lei que fala de competencias municipais, de financiamento local, fala de fusións e moitas cuestións relativas aos concellos, unhas administracións que deberan ser escoitadas. Se isto non é así vai ser unha oportunidade perdida. Nas conversas que tiven con representantes locais e provinciais a conclusión é unha necesidade de accións inmediatas. Entre esas accións están un maior financiamento, que non se nos impoñan competencias impropias da administración local e sen orzamentos. A lei de administración local de Galicia sería unha oportunidade para tratar algunha desas cuestións, e se non se nos ten en contan, esa lei está destinada ao fracaso. 


 

 

 

-Parece un uso da maioría absoluta parlamentaria do PP para non querer negociar cos concellos.

Non podo estar dentro da cabeza da Xunta de Galicia, mais desde logo, se esta lei non é froito do consenso sería unha oportunidade perdida, sería un erro moi importante. Se estamos demandando participar nas leis que nos toque xestionar aos concellos é porque deberiamos ter unha voz para ver se podemos facelo mellor ou peor. Debería haber diálogo e non o está habendo. Un exemplo, a lei do ciclo integral da auga, tamén se pechou sen diálogo e isto é algo que non debería repetir a Xunta de Galicia.

 

Se non contan cos concellos a lei de Administración Local de Galicia está destinada ao fracaso
 

 

-Estarían respondendo así ás afirmacións do PP sobre que o PSdeG-PSOE está a instrumentalizar a FEGAMP?

Ese argumento cae polo seu propio peso. Non pode ser que a Fegamp sexa marabillosa e se diga que temos unha postura intelixente cando asinamos acordos, e cando consideramos que non debemos facelo iso sexa unha instrumentalización. A Fegamp ten os seus órganos de dirección e as súas maiorías, hai unha executiva que toma as decisións da Federación e eu represento os concellos, mais temos unha executiva. Un exemplo, se somos capaces de asinar un acordo de suba no SAF e se foi cualificada polo presidente da Xunta como unha postura moi intelixente. Se non estamos de acordo coa Lei de Administración Local, estamos instrumentalizando a Fegamp? Isto é un argumento que non se sostén e quen o di, normalmente PP e Xunta, fano coa boca pequena.

 

 


 

-Sobre a suba do canon para a recollida de lixo, considérao unha vía para manter o proceso de tratamento do lixo por parte de Sogama?

A postura da Fegamp foi clara desde o primeiro momento, dixemos que non era necesaria a suba do canon do lixo. Os concellos estamos facendo esforzos moi importantes por esa suba. Tamén se falou da suba amparándose en que era unha obriga do Estado a través dun imposto, mais o que non se dixo é que ese imposto estaba transferido ás CCAA. Daquela, non había motivo, se neste caso a Xunta quixera, para subir ese canon. Insisto, os concellos estamos facendo un esforzo moi importante para pagar o canon. E sobre isto tamén dixemos que debera haber coordinación entre administracións para concienciarnos que o tratamento de residuos debe facerse de mellor maneira. Isto non debe ser só competencia dos concellos, outras entidades deben poñer o seu grao de area. 

 

Estamos instrumentalizando a Fegamp? Isto é un argumento non se ten en pé e quen di iso, normalmente PP e Xunta, fano coa boca pequena
 

 

-Cre que se pode chegar a esa coordinación para o cambio no tratamento do lixo?

Non é que o crea eu, estánolo pedindo o planeta e tamén o pide Europa. Aos concellos e á cidadanía estásenos esixindo un esforzo moi importante coa instalación do quinto contentor, mais non considero que sexa algo optativo senón totalmente necesario. Debemos aprender dos erros e neste sentido hai moitas CCAA en España que levan moita vantaxe no tratamento do lixo, por exemplo o País Vasco, onde teñen un modelo que se pode seguir da mesma maneira que Galicia pode ofrecer boas iniciativas neste campo.


 

IMG 2770
Alberto Varela

 

 

 

-O canon pode ser tamén unha manobra para evitar a desaparición do modelo Sogama e se perdan determinados intereses detrás?

Non son eu quen pode dicir cales son as intencións da Xunta ou de Sogama. Este é o modelo que coñezo e cando se implantou, tanto a Fegamp e moitos concellos dixeron que non estaban de acordo con ese sistema. O que non me parece razoable é que cando as cousas non funcionan se apunte a responsabilidade: “isto é cousa dos concellos que están moi acostumados”.

 

Falaron da suba do canon do lixo amparándose en que era unha obriga do Estado a través dun imposto, mais o que non dixeron é que ese imposto estaba transferido ás CCAA
 

 

-Outra das liñas de actuación é a fusión “obrigatoria” de concellos. Considera necesaria a fusión e por que debera ser obrigatoria? Entre que municipios se debera dar dita fusión: os que non poden prestar servizos e, por tanto, deixar que unha administración superior actúe para fusionalos?

A segunda parte non a podo contestar polo razoamento que vou facer na primeira, á parte da túa pregunta, creo que é bater contra un muro. Por moi incentivado que tratou de ter a Xunta de Galicia esas fusións municipais, a realidade e o tempo demostrou que foi dar contra un muro. As fusións entre concellos non están tendo moito éxito, primeiro porque en Galicia tampouco temos un exceso de municipios en comparación con outras CCAA. Logo, todos temos a nosa identidade de concello e ninguén quere que o absorban ou fusionen. Noutros lugares en España onde se aprobou por referéndum a fusión, aínda están falando sobre como chamarlle á nova entidade municipal. Inisistir niso é perder o tempo, existen outras fórmulas de colaboración local como poden ser as mancomunidades, mancomunar servizos ou xestións conxuntas que poden abaratar e beneficiar os servizos públicos. Seguir pola liña de obrigar a fusionarse é insistir nalgo que o tempo mostrou pouco éxito.

 

 


 

-Fala de servizos mancomunados, mais cal é o papel das deputacións?

As deputacións é algo que tamén se debe recoller nas leis sobre administracións locais. O papel das administracións provinciais é axudar aos concellos máis pequenos e tamén poden axudar ás mancomunidades. De todas maneiras, os municipios máis pequenos deben ter un financiamento máis estable e cunha contía necesaria e tampouco deben asumir competencias que non lles corresponden. Se os concellos medios e grandes xa temos dificultades para o día a día e non melloramos o financiamento municipal, as entidades locais máis pequenas van ter difícil a súa supervivencia. Existe un fondo para o reto demográfico aprobado hai anos mais aínda non está dotado de orzamentos. 

 

As fusións entre concellos non teñen ningún éxito, primeiro porque en Galicia tampouco é que teñamos un exceso de municipios como noutras CCAA

 

-Sobre o reto demográfico, que lle transmiten os alcaldes que sofren o abandono do espazo rural?

Transmiten angustia, ademais, isto tamén afecta a todos, grandes e pequenos. Se hai dez anos os alcaldes falabamos de dificultades para realizar investimentos, agora as dificultades son para o día a día, para cubrir o noso gasto corrente. Se temos en conta a dispersión de Galicia, o noso avellentamento, servizos que son un esforzo moi importante como é o SAF, todo isto crea dificultades para chegarmos, como moitos fogares, a fin de mes. Por iso é importante corrixir as eivas da Lei de Administración Local de Galicia, a Lei de Facendas Locais e ese mesmo debate ten que abrirse no marco do Estado, á vez que se fala de financiamento autonómico non podemos deixar de falar do financiamento local. Non podemos quedar sentados na mesa e coller o que sobre do reparto entre o Estado e as CCAA.

 

IMG 2771
Alberto Varela

 

O papel das administracións provinciais é axudar aos concellos máis pequenos e tamén poden axudar ás mancomunidades

 

 

-Falou de que os concellos non deben coller competencias que non lles corresponden, as deputacións tampouco. Aínda a día de hoxe as competencias están mal repartidas?

Sempre dicimos que asumimos competencias que non nos corresponden, competencias impropias. Hai tempo, durante a Comisión de Cooperación Local, aí dixemos que cada un ía auditar as súas competencias, sentar nunha mesa e, daquela, chegamos a calcular un déficit de 600 millóns de competencias impropias, agora deben ser 700 millóns. Mais esa mesa quedou parada, hai máis dun ano que non se convoca, quedamos en avanzar co acordado no Pacto Local de Galicia, asinado no seu momento con outro presidente da Fegamp, José Crespo e o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Desta maneira, parte dos problemas que estamos tendo as administracións locais é que cada vez nos lastran con máis competencias. Cada vez que alguén non sabe que facer cunha xestión o doado é traspasarllo ao concello mais sen os fondos necesarios para asumir esa competencia. Podemos falar do SAF, mantemento dos centros educativos, pois a pesar de que o dicta unha lei do Estado, non ten sentido que os concellos esteamos obrigados a realizar o mantemento dos centros educativos ou pagar os salarios dos vedeis. Non ten sentido porque ademais tampouco temos outra competencia en educación. Tamén está que concellos e deputacións nos fagamos cargo dos conservatorios ou escolas de música e outros centros. A resposta non pode ser: “tédelo que querer”, porque se non o tivesemos habería unha zona de Galicia que quedaría sen determinada formación.


 

 

 

-Cando se trata, por exemplo, de arranxar infraestruturas indispensables como vías de comunicación, como sería posible superar as cores políticas entre concellos e deputacións?

Cando estamos dentro de labores institucionais, aínda que sexa doado dicilo, gobernamos para todos e todas e que a nosa obriga chegar a acordos. Como alcalde de Vilagarcía e como presidente da FEGAMP, creo que os feitos o van mostrando co tempo, cando unha cousa é boa para o interese xeral, neste caso para Vilagarcía ou dos concellos galegos, estamos dispostos a chegar a acordos. Cando necesitamos ser máis reivindicativos estámolo facendo. Creo que estamos nun momento moi complicado da política e que esas tensións a nivel nacional estanse trasladando a todos os espectros da política e da cidadanía. Estase crispando moito o ambiente e non é bo, é necesario chegar a acordo.

 

Parte dos problemas que temos as administracións locais é que cada vez temos máis lastre con máis competencias
 

-Considera necesario limitar o número de mandatos dos alcaldes?

A Fegamp non ten unha postura sobre isto. Persoalmente entendo que non. Eu vexo compañeiros e compañeiras que levan moitos anos con moita forza e moitas ideas e xestión para os seus concellos e iso demostra que non é necesario. Tamén demostra que, primeiro, depende do que queiran os cidadáns, segundo, a nivel persoal ou colectivo ver se cada proxecto ten aínda as ganas e ilusión para seguir adiante con el. Neste caso non creo que a limitación de mandatos sexa necesaria en ningunha faceta da política. Os cidadáns somos quen de ver se esa etapa está rematada e, desde logo, o equipo e quen lidera o equipo deben avaliar se teñen ganas de seguir.


 

-Como alcalde de Vilagarcía de Arousa está preocupado pola reapertura da mina de Touro e os efectos sobre a ría de Arousa?

Todo o relacionado coa ría de Arousa sempre me preocupou, sexa Altri ou sexa a mina de Touro. Estarei sempre alerta e pendente de calquera elemento que afecte á nosa ría, ao mar e ás persoas que viven do mar. A nosa posición é clara: non. Se algo pode poñer en perigo as nosas rías estaremos de fronte, mais vivimos nun estado de dereito onde ten que haber filtros para calquera actividade, aínda así, non se pode poñer en risco o medio de vida de outros. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE