O PP leva aos tribunais a adxudicación da xestión do antigo cárcere
A portavoz popular, Rosa Gallego, esíxelle ao alcalde "explicacións" por un proceso con "bases a dedo".
Rosa Gallego, portavoz popular. Foto: PP Coruña
O grupo municipal do PP no Concello da Coruña presentou un recurso no xulgado pola adxudicación, por parte do goberno da Marea Atlántica, da xestión da antiga prisión provincial a Proxecto Cárcere, segundo informou a súa portavoz Rosa Gallego.
Nunha rolda de prensa para facer balance deste ano, Gallego explicou que adoptaron esta medida tras inadmitir o goberno local o recurso de reposición que presentou o PP contra esta adxudicación ao entender que houbo unha adxudicación "con bases a dedo" a unha entidade da que "formaron parte" edís do goberno local.
Para Rosa Gallego, trátase dun "escándalo" sobre o que o alcalde ten que dar "explicacións". "Quen tiña que xestionar este espazo debería ser o Concello e non cederllo a unha asociación coa que non puido competir ninguén mediante bases a dedo e valoracións feitas por persoas vinculadas á oferta presentada".
BALANCE DO ANO
Por outra banda, xunto aos concelleiros do seu grupo, Rosa Gallego fixo balance do labor de control e de oposición ao goberno local. Na súa comparecencia, criticou a un alcalde, na súa opinión, "en tempo de desconto", dixo para as próximas eleccións municipais.
Respecto diso, argumentou que "os problemas dos coruñeses seguen sen solucións tras máis de dous anos e medio de amiguismo e anuncios que non se materializan". Mentres, defendeu a actuación do seu grupo do que dixo que presentou "todas as mocións e as preguntas orais" que lles permite o regulamento municipal.
Escribe o teu comentario