González Laxe diagnostica a Galicia: "Crecemos, pero non xeramos emprego"

O Foro Económico de Galicia certifica a recuperación, pero aprecia "inestabilidade" e que os soldos quedan atrás.


|

Foroeconomicogalicia

Presentación do informe en Santiago. Foto: @ForoEcoGalicia

O Foro Económico de Galicia certificou a recuperación da comunidade, con oito trimestres consecutivos crecendo por encima do 3%, pero advertiu sobre a "inestabilidade" do modelo e puxo o foco en que os salarios non están a mellorar ao mesmo ritmo que os datos macroeconómicos.


Na presentación do informe de conxuntura socioeconómica relativo ao terceiro trimestre do ano, o seu coordinador, Fernando González Laxe, sinalou que se recuperaron "niveis precrisis" en termos macro, non así en creación de emprego e condicións laborais.


"Crecemos, pero non xeramos emprego", resumiu, á vez que apuntou que un dos factores que conforman o crecemento, o consumo interno, "descendeu moito". Os investimentos, o maior gasto das administracións e as exportacións paliaron esa caída, engadiu.


A respecto deste último punto, que foi presidente da Xunta deu conta de que as exportacións experimentaron unha "freada", aínda que destacou que os mellores datos os rexistra o sector téxtil mentres a automoción baixa "de forma significativa".


A nivel xeral, o sector que máis creceu foi a construción, e tamén presentan bos datos o comercio, a hostalería e o transporte (impulsados polo bo tempo) e os servizos. No lado oposto, a industria manufactureira sufriu "unha caída fortísima" e o seu peso sitúase no 13,5%, lonxe do 20% ao que aspira a Xunta.


"DESINDUSTRIALIZACIÓN" DE GALICIA


Ao fío diso, evidenciou que as políticas industriais "non están a dar resultado", senón que, ao contrario, están a causar a "desindustrialización" de Galicia.


Talvez, opinou, débese a que non existe unha liña única, senón que "cada ano hai un plan", ou á complexidade de existir "demasiados organismos". "Sexa cal for a causa, a industria perde peso na nosa economía, e non é bo", apostilou.


Neste punto, tras constatar que o modelo económico galego "segue sendo demasiado inestable e volátil", aconsellou "definir" a aposta "a medio-longo prazo", a fin de evitar "vaivéns".


SITUACIÓN DO MERCADO LABORAL


Pola súa banda, Patricio Sánchez abordou a situación do mercado laboral, para celebrar que actualmente hai menos de 200.000 parados en Galicia e que a ocupación supera o millón de persoas.


Como contrapunto a esas boas cifras, comentou que a evolución do emprego en Galicia (onde máis da metade dos parados son de longa duración) "non é tan favorable" coma en España e que a poboación activa "volve caer".


Especialmente preocupado pola perda de 18.000 persoas de entre 25 e 34 anos, tampouco obviou a elevada temporalidade dos contratos que se crean e a calidade do emprego.


Unha das conclusións do informe reflicte que Galicia é a segunda comunidade autónoma de España con "peor comportamento" no que incumbe á evolución da poboación ocupada entre os terceiros trimestres de 2007 e 2017.


TRASLADAR O CRECEMENTO AOS SOLDOS


"Tras case tres anos de crecemento estable, xa non hai razóns suficientes para que a recuperación non se traslade ao mercado de traballo", agregou José Francisco Armesto, para quen, ademais, a mellora dos salarios repercutirá na mellora do PIB.


Na actualidade, como referiu, o PIB está "en niveis precrisis", pero os soldos seguen por baixo e as rendas do capital, moi por encima.


relacionada Os efectos da campaña de Nadal non se notan aínda na cola do paro
relacionada "Temporalidade" e "precariedade", dúas constantes nos novos contratos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE